Este domingo, 30 de novembro, ás 12.00 horas, a diocese de Tui-Vigo inaugura o Ano Xubilar con motivo do VIII centenario da dedicación da catedral de Tui. A eucaristía estará presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, e concelebrada polo bispo diocesano, monseñor Antonio Valín, o emérito tudense, o metropolitano de Braga, os prelados da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela e sacerdotes diocesanos. Esta celebración será retransmitida pola canle de Youtube da diocese: https://youtube.com/live/8egs3ltgcfk.
Previamente, procederase á apertura do altar das Reliquias para a súa ostensión extraordinaria —veneración das reliquias—, durante o domingo 30 de novembro e o luns 1 de decembro. Cabe lembrar que o altar das Reliquias só se abre durante a festividade do beato Pedro González Telmo, patrón da diocese de Tui-Vigo, da cidade tudense e dos mariñeiros.
Terminada a eucaristía, interpretarase a peza musical «Os fogos de San Telmo», de Hermelindo Ruiz Mestre, un diálogo entre a catedral e o fresco histórico de Santo Telmo na illa de Porto Rico. Sara Areal, violín, e Samuel Diz, guitarra, liderarán unha formación de cámara baixo a batuta do mestre portorriqueño Roselyn Pabón.
Ás 17.30 horas, no templo catedralicio, o Concello de Tui organiza o concerto «Centenario» a cargo dos músicos tudenses Sara Areal e Samuel Diz, que acollerán a intérpretes e compositores de Europa e América.
O luns 1 de decembro, día propio da dedicación da catedral, organizouse, ás 11.00 horas, unha conferencia no espazo sociocultural da rúa Camilo J. Cela titulada «Este edificio fai albiscar o misterio da Igrexa: o rito da dedicación e a súa riqueza eclesiolóxica, co gallo do 800 aniversario da dedicación da catedral de Tui»; o doutor en Liturxia e director do Secretariado da Comisión de Liturxia da Conferencia Episcopal Española, Ramón Navarro, será o encargado de impartir o relatorio.Ás 12.00 horas, o bispo da diocese de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía solemne do VIII centenario da dedicación da catedral, celebrando así o xubileu do clero diocesano.