9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

Sesenta novos confrades para o Cristo da Vitoria

Sesenta novos confrades para o Cristo da Vitoria
FOTO.- Los nuevos cofrades, junto a la directiva de la cofradía, el párroco de la concatedral-basílica y el arzobispo-obispo emérito de Urgell | © Diocese de Tui-Vigo

A devoción ao Santísimo Cristo da Vitoria congregou, onte, a centos de fieis na concatedral-basílica de Santa María en Vigo, durante a primeira xornada do novenario, antesala da solemne festividade na honra ao Cristo. Coincidindo con esta celebración, sesenta persoas —desde unha bebé de sete meses ata mulleres e homes maiores de 70 anos— recibiron a medalla que os distingue como confrades. A eucaristía estivo presidida polo arcebispo-bispo emérito da diocese de Urgell, monseñor Joan Enric Vives, que é o encargado de predicar a novena na honra ao Cristo de Vigo.

Durante a súa intervención, o prelado da Seu d’Urgell convidou os fieis a vivir a novena como un camiño de conversión e seguimento de Cristo, inspirado no servizo humilde e a entrega xenerosa do Evanxeo. Ademais, subliñou o profundo vínculo entre a cidade e o Cristo, que acompañou ás súas xentes ao longo da súa historia como signo de protección, esperanza e identidade: «ser vigués e viguesa é amar ao Santísimo Cristo da Vitoria». Así mesmo, destacou que a tradicional procesión non consiste unicamente en contemplar a imaxe, senón en «acompañar ao Señor», deixándose acompañar tamén por El na vida cristiá.

Dirixíndose especialmente a quen se incorporaba  á confraría, lembrou que recibir a medalla supón asumir un compromiso para toda a vida: «ser confrade non é para uns días nin para lucir». «El dános esta honra, esta dignidade, de ser os seus amigos. Un amigo non pode traizoar ao seu amigo», sinalou antes de exhortalos a dar testemuño público da fe alí onde se atopen, practicando o perdón, o diálogo, a fraternidade e a solidariedade con quen máis sofren.

Un a un, os aspirantes a confrades foron achegándose ao presbiterio para recibir a medalla bendicida momentos antes por monseñor Joan Enric Vives. A presidenta da confraría do Santísimo Cristo da Vitoria, Marora Martín-Caloto, e o secretario, Carlos Borrás, uníronse ao prelado neste momento para dar a benvida aos novos membros. 

Familiares e amigos acompañaron aos novos confrades nunha celebración especialmente emotiva ao coincidir co inicio da novena, unha das citas relixiosas máis esperadas do calendario vigués.

A celebración concluíu co canto do himno ao Santísimo Cristo da Vitoria. Os seus versos, profundamente arraigados na tradición viguesa, puxeron o broche a unha tarde marcada pola devoción e a incorporación de sesenta novos confrades a unha das expresións relixiosas máis emblemáticas da cidade. Non en balde, o himno finaliza proclamando: «vuelve, Vigo, rendido y humilde a la fe en que tus padres brilló; pues en ella salvose la patria y el Santísimo Cristo triunfó».

Imposición de medallas a los nuevos cofrades del Cristo de la Victoria (2026) | © Diocese de Tui-Vigo
« de 16 »

A novena en honra ao Santísimo Cristo da Vitoria continúa ata o vindeiro sábado, 1 de agosto. Cada día, a misa das 12.00 horas será oficiada por un párroco diferente da zona centro da cidade —previamente, a as 11.30 horas, haberá rezo do rosario seguido da novena—. Polas tardes, os cultos comezarán 19.30 horas e, a as 20.00 horas, predicará a novena o arcebispo-bispo emérito da Seu de Urgell, monseñor Joan Enric Vives. Ademais, o último día, tras a eucaristía da tarde, levará a cabo o descendemento do Cristo. 

Todas as misas do novenario poderanse seguir por webcam a través de www.cristodevigo.es