16 de Xaneiro de 2025,
San Marcelo I

Stella Maris adoza o Nadal das xentes do mar

Stella Maris adoza o Nadal das xentes do mar
FOTO.- Stella Maris organizó una chocolatada navideña | © Diocese de Tui-Vigo

O martes 17 de decembro, ás 11.00 horas, no edificio Portocultura en Vigo, a delegación de Stella Maris da diocese de Tui-Vigo organizou unha chocolatada do Nadal para pescadores e mariñeiros que, durante estas datas festivas, permanecen na cidade olívica, sós, lonxe dos seus fogares. As persoas asistentes recibiron un pequeno obsequio de Nadal: unha bolsa con produtos do Nadal e gorros calcetados a man.

Esta é unha das iniciativas —xunto á campaña «Gorros que non só abrigan» e a III edición do torneo de fútbol— que a delegación está a desenvolver nestas datas para paliar a situación de illamento e mellorar o benestar das xentes do mar, nestes días próximos á celebración do Nadal.

III edición do torneo de fútbol sala

Tras o éxito das edicións anteriores, que sumaron máis de medio centenar de persoas de diferentes nacionalidades —españois, senegaleses, peruanos ou indonesios, entre outros—, a delegación diocesana de Stella Maris impulsa de novo esta iniciativa co obxectivo de mesturar tripulantes con traballadores do porto, a través dunha actividade divertida que ofreza un pouco de lecer aos mariñeiros. Tal e como explica o equipo de traballo, «o fútbol é un deporte que lle gusta a todo o mundo e, sobre todo, é un deporte en equipo que permite interactuar, socializar».

Campaña «Gorros que non só abrigan»

Grazas á colaboración de persoas particulares, parroquias e centros de maiores, a delegación de Stella Maris, a través da campaña «Gorros que non só abriga», conseguiu preto de 200 gorros calcetados a man para regalar durante este Nadal aos mariñeiros que están lonxe das súas casas. A maiores dos gorros, e mediante a colaboración de voluntarios, da Autoridade Portuaria de Vigo e de empresas do sector privado, a delegación repartirá caixas de produtos do Nadal, entre as tripulacións da frota de altura, cuxos barcos arribaron en Vigo durante estas datas festivas.