Ante a proximidade do Nadal, o sábado, 16 de decembro, ás 19 horas, a delegación de Stella Maris da diocese de Tui-Vigo organiza unha celebración eucarística para todas as persoas vinculadas ao sector marítimo —traballadores do porto, tripulantes, empresas e familiares— na concatedral-basílica de Santa María de Vigo, que estará presidida por Mons. Luís Quinteiro Fiuza, bispo de Tui-Vigo e promotor de Stella Maris en España. Mediante esta celebración, Stella Maris quere crear un espazo de encontro para as xentes do mar, especialmente, para aqueles mariñeiros que, durante estas datas festivas, permanecerán na cidade olívica lonxe das súas familias.
Torneo de Nadal de fútbol sala
Ao día seguinte, domingo, de 9 a 14 horas, no pavillón do Berbés, a delegación de Stella Maris organiza a segundo II edición do Torneo de Nadal de fútbol sala que xa conta con 60 persoas rexistradas de diferentes nacionalidades —senegaleses, indonesios, peruanos e españois— e que constitúe unha oportunidade para mesturar tripulantes con traballadores do porto, a través dunha actividade divertida que ofrece un pouco de lecer aos mariñeiros que, estes días, están lonxe dos seus fogares. Tal e como explican desde a delegación diocesana, «o fútbol é un deporte que lle gusta a todo o mundo e, sobre todo, é un deporte de equipo que permite interactuar, socializar», noutras palabras, humanizar unha profesión que, no cotián, non facilita a relación humana.
O torneo dará inicio co saque de honra a cargo do presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana. Durante a mañá, o grupo moañés, Argonad Band, será o encargado de amenizar o terceiro tempo e alumnos voluntarios do colexio Xesuitinas-Miralba realizarán unha enquisa entre os participantes, para que a delegación de Stella Maris poida desenvolver, no futuro, novas actividades baseadas nos gustos e preferencias das xentes do mar.
Campaña «Gorros que non só abriga»
Durante os días 18, 19 e 20 de decembro, en colaboración coas empresas armadoras, as institucións portuarias e diferentes parroquias da cidade olívica, Stella Maris puxo en marcha a campaña «Gorros que non só abrigan» coa que se repartirán caixas de produtos do Nadal e gorros calcetados a man, para dulcificar a situación de illamento e ausencia familiar dos mariñeiros da frota de altura cuxos barcos arribaron en Vigo durante as datas festivas.