A delegación de Stella Maris da diocese de Tui-Vigo convocou a primeira edición do concurso de fotografía «Fishing photographers», co obxectivo de mostrar a actividade diaria relacionada coa pesca tanto no mar como en terra, así como todos os seus aspectos —valorarase especialmente as imaxes que mostren o traballo e a actividade nas condicións do medio mariño e que poñan en valor o servizo á sociedade que ofrece a actividade pesqueira—. Poderán participar todas as persoas que acrediten a súa condición de mariñeiro-pescador antes do 1 de setembro de 2024, a través do correo electrónico direccion@stellamarisvigo.com.
Cada participante poderá presentar un máximo de 3 obras, que deberán ser orixinais e inéditas e non presentándose con anterioridade noutros concursos, webs ou calquera outro medio dixital ou impreso. As fotografías poderán ser realizadas con calquera medio, incluído o teléfono móbil, e non poderán ser alteradas electronicamente nin por calquera outro sistema. Tampouco se aceptarán fotomontaxes nin imaxes feitas, total e parcialmente, por programas de Intelixencia artificial. Permitirán mínimas correccións de cor e luminosidade.
Nesta primeira edición de «Fishing photographers», outorgarase un primeiro premio de 400 euros, un segundo de 300 euros e tres accésits de 100 euros. O fallo do xurado producirase o 14 de setembro de 2024.
A delegación diocesana de Stella Maris, a través do Centro de Atención ao Mariño Stella Maris situado no edificio Portocultura, ofrece unha atención integral á xente do mar e as súas familias. Esta iniciativa súmase ás que xa vén realizando como o Torneo de Fútbol sala, a campaña «Gorros que non só abrigan» ou a Ofrenda do Mar en Panxón, entre outras.