O Centro de Atención ao Mariño de Vigo, Stella Maris, repartiu caixas de produtos do Nadal entre 80 mariñeiros da frota de altura que pasaron o Nadal no porto da cidade olívica. Mediante a campaña «Gorros que non só abrigan» iniciada en outubro, a delegación conseguiu preto de 300 gorros calcetados a man por particulares nas súas casas, en centros de maiores e nas comunidades parroquiais da diocese de Tui-Vigo.
A esta campaña tamén quixeron unirse a Autoridade Portuaria de Vigo e empresas do sector privado como Casa Pepe, A Nogueira, Estrela Galicia ou Produtos Ecolóxicos Maruxa, que grazas á súa xenerosidade conseguiron dulcificar as situacións de illamento e ausencia familiar que viven decenas de mariñeiros cuxos barcos arribaron en Vigo antes ou durante estas datas festivas. En total, hanse
O obxectivo principal desta campaña foi contribuír ao benestar dos mariños en colaboración coas empresas armadoras e as institucións portuarias. Ademais, aínda que a situación dos traballadores do mar en España dista moito das condicións de precariedade, abusos e explotación que se dan noutras latitudes, o día a día das tripulacións destes grandes buques pesqueiros está moi marcado polas rutinas de traballo, as gardas, e a convivencia estreita entre mariños de diferentes culturas, relixións, etnias e linguas, o que supón un gran reto a superar.
Para Stella Maris é igualmente importante visibilizar a presenza en Vigo das tripulacións que, por razón da pandemia, non puideron volver ás súas casas neste período de descanso. Chegaron á cidade ao longo do mes de novembro e partirán despois destas festas a unha nova campaña de pesca.
O traballo realizado desde o Centro de Atención do Mariño verase reforzado ao longo dos próximos meses grazas á constitución do Comité de Benestar da Autoridade Portuaria, cuxas labores de secretaría recaerán sobre Stella Maris. Así o anunciou o presidente do porto Jesús Vázquez Almuiña o pasado 23 de decembro en Más de uno, o programa especial dedicado ao Nadal no mar de Onda Cero na provincia de Pontevedra.