4 de Novembro de 2024

,

San Carlos Borromeo
4 de Novembro de 2024

,

San Carlos Borromeo

Súplica á Santísima Trindade ante a pandemia de Covid19

Súplica á Santísima Trindade ante a pandemia de Covid19

O Vigairo Xeral da Diocese e Párroco de Nosa Señora de Fátima, D. Juan Luis Martínez Lorenzo, anímanos a rezar esta oración durante este tempo:

Olla ao teu pobo, Señor, que sofre apesarado! Ten compaixón de nós. Non mires os nosos pecados. Detén os teus ollos en quen vive cumprindo a túa santísima vontade. Non nos abandones nestas horas de sufrimento. A túa misericordia é máis grande que as nosas miserias, e o teu poder máis inmenso que calquera mal físico ou moral.

Somos feitura das túas mans. Á túa imaxe e semellanza creáchesnos. Non te negues a recoñecer a quen somos criaturas túas. Volve a túa ollada unha vez máis cara a nós, que choramos apesarados, cara os sanitarios e cara a todos aqueles que expoñen as súas vidas para garantir a saúde dos máis.

Aparta, meu Deus, esta pandemia que acaba con tantos fillos teus. Non consintas que os nenos sufran, que os pais e os avós vivan na angustia, e que todos suframos ao ver como este andazo se estende, silenciosa e mortal, saltando fronteiras e invadindo pobos.

Precisamos da túa graza, do teu poder, da túa misericordia, porque nós vémonos incapaces de vencer este azoute. Atopámonos impotentes, e profundamente necesitados de quen é o noso Creador, noso Pai e Salvador.

O teu amor infinito deunos a proba máis extraordinaria ao enviarnos ao teu Fillo moi amado. El fíxose home, un de nós, para salvarnos a todos. El coñeceu o desprezo, a dor, o escarnio. Todo o sufriu por nós. Ao seu sagrado Corazón nos acollemos coa confianza de que Ti, meu Pai, se ves que os meus berros non nacen dun corazón ben disposto, escoites ao teu Fillo que te implora: “Non lles teñas en contas os seus pecados”; “Consérvaos na unidade”; “Apártaos de todo mal”; “Por eles e para eles vin ao mundo!”.

Envíanos, Pai, o sopro do teu Espírito para que disipe as tebras da soidade, da dor e da morte. Que pola súa acción renovadora volva brillar a luz da vida, da paz, e alente os nosos corazóns coa audacia filial sustentada pola esperanza que non defrauda.

Mira á túa Filla, a Virxe Inmaculada, a Nai do teu Verbo encarnado, a Esposa do Espírito Santo. Ela chora apesarada ao ver o perigo en que se atopa a humanidade. Ti, Pai Santo, podes consolala consolándonos a nós. Devolve á súa fermosa faciana o sorriso ao contemplar Ela mesma nos seus fillos a alegría da salvación que procede de Ti, Pai todopoderoso, do teu Fillo e do Espírito Santo.

Amén.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp