25 de Abril de 2024

,

San Marcos
25 de Abril de 2024

,

San Marcos

Suspendidas as procesións, o bispo convida a orar contemplando os pasos da Semana Santa de Vigo

Suspendidas as procesións, o bispo convida a orar contemplando os pasos da Semana Santa de Vigo
FOTO.- Procesión del Jueves Santo en la ciudad de Vigo | © Diocese de Tui-Vigo

Ante a imposibilidade de que as procesións salgan á rúa nesta semana Santa, xa que as previsións meteorolóxicas ameazan choiva, o bispo de Tui-Vigo convida os fieis de Vigo, a veciños e turistas, a achegarse e contemplar os pasos procesionais que durante o Xoves e o Venres Santo, en horario de 16.00 a 21.30 horas, estarán expostos en tres puntos da cidade: o colexio La Enseñanza da Compañía de María —en rúa Ecuador—, que acollerá os pasos da confraría do Noso Padre Xesús do Silencio; a concatedral-basílica de Santa María de Vigo, onde estarán expostos os pasos da procesión do Santo Enterro, a Virxe das Dores e das Angustias; e o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social de Vigo (CIIES) —en rúa Marqués de Valterra —, lugar de exposición das restantes imaxes.

Aínda que as procesións non salgan á rúa, os responsables da diocese e da Semana Santa de Vigo están a organizar dous actos para axudar aos fieis para celebrar e profundar nos grandes acontecementos destes días, mediante a contemplación das imaxes procesionais expostas. O Xoves Santo, ás 20.00 horas, no colexio La Enseñanza, o bispo presidirá unha oración na que se rememorarán algunhas das escenas da Paixón. O Venres Santo, ás 20.00 horas, na concatedral-basílica de Santa María, levarase a cabo un solemne sermón predicado por D. Juan Luis Martínez Lorenzo, vicario xeneral da diocese de Tui-Vigo.

O bispo, Mons. Luís Quinteiro Fiuza, subliña tamén que o esencial da Semana Santa son as celebracións litúrxicas, nas que facemos memoria da paixón, morte e resurrección do noso Señor Xesucristo, corazón da fe.

Así mesmo lémbrase que as celebracións propias desta semana Santa presidiraas o bispo na concatedral-basílica de Santa María: o xoves, ás 18 horas; o venres, ás 18 horas; e, o sábado, ás 21.30 horas.

Na web diocesana, pódense consultar os horarios das celebracións das parroquias de Vigo.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp