5/10/2022

,

Santa María Faustina Kowalska
5/10/2022

,

Santa María Faustina Kowalska

«Dar catequese no rural é unha das miñas mellores experiencias de vida»

«Dar catequese no rural é unha das miñas mellores experiencias de vida»

Como comezou esta experiencia? Pois todo comeza cun cambio de domicilio, cando unha nena de sete anos chega de Vigo á parroquia de San Lourenzo de Belesar. Nesta parroquia, nese momento, non tiñan catequese de pre-comuñón, nin comuñón. Preparábanos o párroco nun mes. Recordo que eu  preguntaba na casa, por que aquí non teñen catequese?

Afortunadamente, as cousas cambian, e co paso dos anos e coa axuda dun novo párroco formouse un grupo de catequistas. Mozos e mozas aos que eu me unín cando rematei a miña preparación para  a confirmación. Comecei, coa miña pouca experiencia, cun grupo pequeno de primeiro ano de comuñón pero moi ilusionada.  E segundo aumentaba o grupo de catequistas tamén  a vida parroquial comezou a medrar. Retiros espirituais, saídas cos nenos/as de confirmación ou convivencias de confirmación da diocese, entre outras.

Pouco a pouco funme  formando asistindo a Escola de Catequistas e as asembleas da Delegación de Catequese.

Dende fai uns anos, coa chegada de Francisco Cabaleiro como párroco,  crecemos aínda máis. Formouse a Unidade Pastoral coas parroquias de Santa Mariña de Baíña e A Cela Baredo, a parroquia creceu pero tamén a miña ilusión, compartir con outras parroquias do rural a nosas experiencias catequéticas? Unir aos nosos catequizandos como un único grupo?

Non vos podedes imaxinar o enriquecedor que resulta esta experiencia. As/os catequistas reunímonos unha vez ao mes para coordinarnos e traballar algunhas datas importantes nunha única eucaristía. Cada parroquia participa nunha parte da celebración e asistimos todos os grupos da catequese. Os nenos/as coñécense entre eles/as e comparten cantos, celebracións e xogos. Eu penso que neste momento xa non somos tres parroquias senón que nos convertemos nunha Gran Parroquia. A verdade é que lle temos moito que agradecer a Fran  por esta iniciativa.

As veces pode parecer que a  catequese dos nenos/as ten como obxectivo único introducilos no coñecemento da fe católica para a recepción dos sacramentos. Pero é moito máis ca isto. Para min ten outra finalidade, a de facelos sentir parte dunha comunidade que os acolle. É necesario que se sintan membros activos  da Igrexa.

Ser catequista no rural é dar exemplo de vida cristiá. Se me ven cantar na misa, ler as lecturas, coller da man aos que teño ao lado, axudar a un neno ou nena que ten dificultades estou segura que nestes pequenos xestos tamén están aprendendo os valores cristiáns.

As pequenas parroquias como é a miña,  teñen a característica  de que nos coñecemos todos/as e permite establecer unha conexión especial cos nenos/as porque te ven como unha persoa próxima. Esta parte permíteme realizar a miña labor catequética como un acompañamento, axudándolle a topar o camiño de maduración da súa fe, sempre dende o respecto e a escoita.  Cada neno ou nena é diferente de debemos adaptarnos as súas necesidades, non existe  unha fórmula máxica para impartir a catequese. O verdadeiramente importante é que sintan que teñen outra familia coa que compartir, rir e chorar que é a familia parroquial, a familia da  Igrexa. Eu tamén aprendo moito dos nenos e nenas porque teñen un corazón puro e che devolven todo o que ti lles das multiplicado por mil.

Éncheme de vida cando, unha vez que rematan  o seu tempo de  catequese, se achegan para facer as lecturas, ofrécense para colaborar co catecismo ou recordan o grupo ao que pertencían e experiencias vividas na catequese con ledicia, cun sorriso, sinal do traballo ben feito.

Moi importantes para min son  as/os demais catequistas da Unidade Pastoral e Fran,  xa amigas e amigos,  nos que sempre atopo o apoio necesario para continuar, sen  eles e elas non sería o mesmo.

Xa levo exercendo a miña labor como catequista  na parroquia vinte e cinco anos e espero continuar axudando moitos máis porque me gusta, me enche de vida e me sinto parte da vida parroquial.

 “Planta unha pequena semente,

                  con moito amor e  sen esperar nada a cambio,

                                               nalgún momento Deus a fará xerminar”

Clara Isabel González, catequista en la parroquia de San Lourenzo de Belesar.
Facebook
Twitter
Email
WhatsApp