A Santa Sé vén de facer pública a mensaxe do Papa Francisco “A vida faise historia” para a 54 Xornada Mundial das Comunicacións Sociais, co gallo da celebración de san Francisco de Sales. Esta Xornada celebrarase, como cada ano, coincidindo coa festa da Ascensión do Señor; nesta ocasión, baixo o lema “Para que poidas contar e gravar na memoria” (cf. Éx 10, 2).
O Papa comeza afirmando a necesidade de “boas historias: historias que constrúan, non que destrúan; que axuden a reencontrar raíces e a forza para avanzar xuntos”. Centrándose no tema da narración viva, o Pontífice lémbramos que “o home é un ser narrador porque é un ser en realización, que se descubre e se enriquece nas tramas dos seus días”.
Mais, como comprobamos diariamente, non tódalas historias son boas: “cantas historias nos narcotizan, convencéndonos de que precisamos continuamente ter, posuír, consumir para ser felices. Case non nos damos conta de como nos volvemos ávidos de chismes e falas, de canta violencia e falsidade consumimos”, afirma rotundamente o Papa, lamentando que as historias destrutivas e provocadoras de información non contrastada e discursos triviais e persuasivos, repletos de proclamas de odio, rompan “os fíos fráxiles da convivencia […] desposuíndo ao home da dignidade”. Fronte a isto, “unha boa historia é capaz de transcender os límites do espazo e do tempo”. Para o Papa, trátase dun traballo que precisa sabedoría, paciencia e discernimento para redescubrir “historias que saquen á luz a verdade do que somos, incluso na heroicidade ignorada da vida cotiá”, con relatos belos, bos e verdadeiros.
Sen dúbida, como afirma o Santo Padre, “a Sagrada Escritura é unha Historia de historias” que nos amosa a un Deus creador que nos chama á existencia mediante a súa Palabra nunha obra admirable. “Neste sentido”, continúa o Papa, “a Biblia é a gran historia de amor entre Deus e a humanidade. No centro está Xesús: a súa historia leva a cumprimento o amor de Deus polo home e, ao mesmo tempo, a historia de amor do home por Deus. O home será chamado así, de xeración en xeración, a contar e a gravar na súa memoria os episodios máis significativos desta Historia de historias, os que poidan comunicar o sentido do acontecido”.
En liña coa pasaxe do libro do Éxodo que titula a mensaxe, o Papa Francisco lembra a intervención de Deus na historia do Pobo de Israel: “da memoria de Deus brota a liberación da opresión, que ten lugar a través de signos e prodixios. É entón cando o Señor revela a Moisés o sentido de todos estes signos: «Para que poidas contar [e gravar na memoria] dos teus fillos e netos […] os signos que realicei en medio deles. Así saberedes que eu son o Señor» (Ex 10,2)”.
Así como o propio Xesús falaba de Deus por medio de narracións breves tomadas do cotián (parábolas), a narración entra na vida de quen a escoita e transfórmaa: tal é a vocación dos Evanxeos, que non son meramente informativos senón “performativos”, xa que nos conforman a Xesús. “Deus entreteceuse persoalmente na nosa humanidade, dándonos así unha nova forma de tecer as nosas historias”, continúa o Papa, afirmando que “non hai historias humanas insignificantes ou pequenas”, xa que “toda historia humana é, dalgún xeito, historia divina […] que ten unha dignidade que non pode suprimirse”. Son historias que “o Espírito Santo, o amor de Deus, escribe en nós”, lembrándonos o ben inscrito no noso corazón, porque “cada historia, aínda a máis esquecida, aínda a que parece estar escrita coas liñas máis torcidas, pode volverse inspirada, pode renacer como unha obra mestra, converténdose nun apéndice do Evanxeo”, tornándose testemuños que requiren ser compartidos.
É cando rememoramos este amor de Deus que nos creou, cando, en palabras do Papa, “xa non estamos anoados ás lembranzas e ás tristuras, ligados a unha memoria enferma que nos aprisiona o corazón, senón que abríndonos aos demais, abrímonos á visión mesma do Narrador. Contarlle a Deus a nosa historia nunca é inútil” e nos permite achegarnos aos protagonistas: os nosos irmáns.
A mensaxe completa do Papa pode lerse aquí.