17 de Marzo de 2026,
San Patricio

Tui acolle o Xubileu das Familias e Persoas Maiores

Tui acolle o Xubileu das Familias e Persoas Maiores

O domingo 1 de xuño, a cidade de Tui acolle o Xubileu das Familias e Persoas Maiores que organiza a delegación diocesana de Pastoral Familiar. A convocatoria dará comezo ás 17.00 horas no Seminario Menor «San Paio », cunha procesión cara á catedral de Santa María; durante o percorrido haberá momentos de reflexión e testemuños. Tamén haberá espazo para recibir o sacramento da Reconciliación. Unha vez na catedral, templo xubilar do Xubileu 2025, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá a eucaristía.

A elección da data non foi casual, xa que, entre o 30 de maio e o 1 de xuño, celebrarase o Xubileu das Familias e Persoas Maiores en Roma, que contará coa presenza do papa León XIV. Desta forma, a Igrexa diocesana de Tui-Vigo quérese unir en comuñón a toda a Igrexa universal para interceder por todas as familias, matrimonios e persoas maiores do mundo enteiro.

O Xubileu foi sempre un acontecemento de gran importancia espiritual, eclesial e social na vida da Igrexa. Desde que Bonifacio VIII instituiu o primeiro Ano Santo en 1300 —con cadencia de cen anos, que despois pasou a ser segundo o modelo bíblico, de cincuenta anos e ulteriormente fixado en vinte e cinco—, o pobo fiel de Deus viviu esta celebración como un don especial de graza, caracterizado polo perdón dos pecados e, en particular, pola indulxencia, expresión plena da misericordia de Deus. Os fieis, xeralmente ao final dunha longa peregrinación, acceden ao tesouro espiritual da Igrexa atravesando a Porta Santa e venerando as reliquias dos Apóstolos Pedro e Pablo conservadas nas basílicas romanas. Millóns e millóns de peregrinos acudiron a estes lugares santos ao longo dos séculos, dando testemuño vivo da súa fe perdurable.