14 de Abril de 2026,
San Telmo

Tui estreou a procesión do Señor no Horto das Oliveiras

Tui estreou a procesión do Señor no Horto das Oliveiras
FOTO.- La procesión del Señor en el Huerto de los Olivos a su paso por la Plaza de San Fernando | © Diocese de Tui-Vigo

Onte, contra todo prognóstico, a choiva deu unha tregua á cidade de Tui que puido estrear a súa procesión do Xoves Santo. Ás 21.30 horas, coa mirada posta ao ceo, os membros da Irmandade do Doce Nome de Xesús e Casa de Misericordia puideron procesionar polas rúas da cidade coa imaxe de Xesús no Horto das Oliveiras.

Sobre un anda rodeada de loureiro e oliveira, dezaseis ombreiros portaron ao Xesús nazareno, que oraba en Xetsemaní ante a imaxe dun anxo. Durante o percorrido polo conxunto histórico da cidade tudense, que contou tamén coa participación da Banda de Música de Tui, os membros da Irmandade tornáronse para portar a imaxe. Numerosos fieis acompañaron ao Nazareno e, desde os balcóns, realizáronse ofrendas florais.

Procesión del Señor en el Huerto de los Olivos, en Tui | © Diocese de Tui-Vigo
« de 16 »

Desde o ano 1818, a Irmandade do Doce Nome de Xesús e Casa de Misericordia de Tui representa a Xesús orando no Horto das Oliveiras para ofrecer aos fieis unha oportunidade para rememorar eses últimos momentos de vida de Cristo, previos ao seu prendemento. A capela da Misericordia, próxima á catedral, acolle esta representación que, durante o Xoves Santo, permanece aberta para todas as persoas que queiran visitala ou ter un tempo de oración.