O mércores 4 de setembro de 2024, ás 11.00 horas, o santuario da Nosa Señora da Franqueira acolle o último retiro para sacerdotes do verán, que organiza a Vigairía para o Clero da diocese de Tui-Vigo. Tras o intre de oración inicial, haberá oportunidade de gozar dunha comida de confraternización, comunicándoo previamente ao vigairo para o Clero, José Diéguez Dieppa.
O obxectivo destes encontros é compartir un intre de oración e confraternización entre o clero diocesano durante os meses estivais de xullo, agosto e setembro. O pasado mes de agosto, máis de 40 sacerdotes participaron no retiro que tivo lugar no mosteiro da Transfiguración do Señor das monxas beneditinas en Trasmañó .
A Vigairía para o Clero tamén anunciou as datas da quenda de exercicios espirituais para sacerdotes: do 10 ao 15 de novembro, o bispo emérito de Santander, Mons. Manuel Sánchez Monje, impartirá esta quenda no mosteiro franciscano de San Diego de Canedo, en Ponteareas. Tal e como lembra a Vigairía para o Clero, os exercicios espirituais para sacerdotes «son unha das mellores accións pastorais que nós, como ministros ordenados, podemos facer para servir á Igrexa segundo o Corazón de Cristo».