Baixo o lema «O Camiño non só se anda, vívese», do 26 de xullo ao 1 de agosto, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo organiza unha peregrinación a Santiago de Compostela, seguindo o Camiño Francés desde O Cebreiro, pensada para mozos e mozas de entre 15 e 30 anos. O prazo de inscrición finaliza o vindeiro domingo 28 de xuño.
A inscrición para participar nesta peregrinación, cuxas prazas son limitadas, ten un custo de 235 euros, que inclúe transporte, aloxamento, comida e seguro de viaxe. Os mozos e mozas interesadas poden inscribirse a través do seguinte formulario ou solicitar máis información no número de teléfono: 672 11 90 39.
Todos os anos, durante os meses estivais, a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria organiza algunha actividade para ofrecer a mocidade un espazo de encontro no que compartir a alegría da fe, combinando o lúdico co espiritual. Nesta ocasión, a experiencia pretende ser un aliciente que motive aos mozos e mozas para vivir con maior intensidade o Ano Xacobeo en 2027.