17 de Xullo de 2026,
Santa Marcelina

Un auténtico agasallo

Un auténtico agasallo
FOTO.- Rosario, junto a su marido y sus hijos.

Estes días en Madrid co Papa foron un auténtico agasallo.

O plan xurdiu case de forma inesperada durante a semana, ao volver ver vídeos da Xornada Mundial da Mocidade de Madrid, á que fun con 14 ou 15 anos. Aquela experiencia con Bieito XVI foi moi importante para min: unha gran aventura, chea de emoción, alegría e un encontro profundo con Xesucristo nunha idade na que empezas a vivir a fe dunha maneira máis consciente.

Esta vez volvín a Madrid dunha forma moi distinta: xa co meu marido e os nosos dous fillos, unha nena de 2 anos e un bebé de 11 meses. Evidentemente, non é un plan que permita a mesma concentración, pero tamén creo que é o que agora nos toca: vivir a fe como pais e levar aos nosos fillos connosco.

Fomos os catro á vixilia, no sector 23, e puidemos entrar e gozalo moitísimo. Ao día seguinte, debido á gran afluencia de xente, non puidemos acceder aos sectores para a misa, pero buscamos unha alternativa e seguímola desde a rúa Xénova, vendo unha pantalla e escoitándoa por Radio María.

Impresionoume especialmente ver a tanta xente nova, aos voluntarios tan entregados e amables, e as rúas de Madrid cheas de familias, maiores, grupos de relixiosas cantando e unha alegría verdadeiramente contaxiosa.

Creo que esta visita veulle moi ben a España. Lembrounos que a fe segue moi viva, que somos moitos e que non estamos tan sós. Tamén nos axudou a mirar de novo ás nosas raíces, á fe que acompañou durante séculos a historia do noso país, e a vivila hoxe con alegría e esperanza.

Volvemos marabillados e coas pilas cargadas para, como nos dixo o Papa, cambiar a historia facéndoo con amor. Ademais, animounos a non ter medo á vocación do matrimonio e a formar unha familia. No meu caso, esas palabras resoaron dunha maneira moi especial, porque formar unha familia onda o meu marido e os nosos fillos foi, sen dúbida, o mellor que fixen na miña vida.

Viva o Papa!

Rosario Barreiras Boado, parroquia de San Martiño de Borreiros  en Gondomar