17 de Xullo de 2026,
Santa Marcelina

Un centenar de expertos participan, en Vigo, nas Xornadas nacionais de Patrimonio

Un centenar de expertos participan, en Vigo, nas Xornadas nacionais de Patrimonio

Desde hoxe e ata o venres, un centenar de expertos en Patrimonio de diferentes dioceses españolas están na diocese de Tui-Vigo para participar nas Xornadas nacionais de Patrimonio Cultural da Igrexa que organiza a Conferencia Episcopal Española (CEE), baixo o lema «Habitar a beleza: arte, territorio e transmisión da fe». Durante estes días, os participantes terán oportunidade de intercambiar experiencias e abordar temáticas de actualidade relacionadas co patrimonio eclesiástico.

A sesión inaugural tivo lugar no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) e contou coa presenza do bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín; do arcebispo de Santiago de Compostela e presidente da subcomisión para o Patrimonio Cultural da CEE, monseñor Francisco José Prieto; do alcalde de Vigo, Abel Caballero; do Conselleiro de Cultura, Lingua e Mocidade da Xunta de Galicia, José López; e do director do secretario da subcomisión para o Patrimonio Cultural da CEE, Pablo Delclaux.

O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, deu a benvida a todos os presentes, expresando a súa gratitude: «é unha verdadeira alegría e honra abrirvos as portas da nosa comunidade diocesana, especialmente nun marco tan singular como o que nos reúne. Estamos a vivir o VIII centenario da consagración da nosa catedral de Tui, momento para a renovación espiritual de toda a diocese e redescubrir a nosa identidade común».

Pola súa banda, o arcebispo de Santiago de Compostela e presidente da subcomisión para o Patrimonio Cultural da Conferencia Episcopal Española, monseñor Francisco José Prieto, declarou que o patrimonio cultural da Igrexa non debe entenderse unicamente como un conxunto de bens artísticos, monumentos ou tradicións, senón como unha herdanza viva nada da fe e chamada a seguir xerando vida e cultura. Así, o verdadeiro sentido do patrimonio alcánzase cando serve para transmitir a fe ás novas xeracións, converténdose nun espazo de encontro, diálogo e anuncio do Evanxeo. O desafío actual consiste en facelo accesible e significativo para a sociedade contemporánea, custodialo con responsabilidade e transmitilo con creatividade.

O patrimonio, fonte e ponte de evanxelización, hoxe

«Benvidos, “os Julio  Verne” do Patrimonio diocesano español». Así daba comezo o xornalista e sacerdote, Alberto Cuevas, a súa conferencia «O patrimonio cultural e eclesial de Tui-Vigo: Ponte e fonte de evanxelización, hoxe», durante a que realizou unha rápida “tournée” pola historia, a cultura e o patrimonio da Igrexa tudense.

«O patrimonio da Igrexa non son obxectos, é unha experiencia habitada» expresou Alberto Cuevas, lembrando que a beleza é unha vía de acceso á procura do sentido; que, nunha cultura visual, a Igrexa posúe desde sempre unha linguaxe simbólica privilexiada; e que o territorio se pode converter nun espazo espiritual.

«Xesús quere habitar no tempo da nosa historia, das nosas vidas, da nosa humanidade»

Ás 20.00 horas, o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, presidiu a eucaristía na concatedral-basílica de Santa María en Vigo. Durante a súa homilía, convidou os presentes a descubrir catro espazos vitais que habitamos e nos que debemos deixarnos habitar: na biografía de cada persoa, na historia da humanidade, na esperanza e na cotiandade.

«Deixémonos habitar por aquel que é a Palabra, na túa vida, no cotián, no grandioso e o esplendoroso, na expresión dunha beleza que se fai historia, que se fai vida en cada un de nós. Recibémolo e acollámolo con sinxeleza. Énchenos de inmensa alegría o gozo de que, unha vez máis, Xesús quere habitar no tempo da nosa historia, das nosas vidas, da nosa humanidade», concluía o arcebispo compostelán.

Valença do Minho, Oia e Baiona, protagonistas da segunda xornada

Mañá, mércores, os participantes percorrerán Valença do Minho, cuxa vinculación coa diocese tudense remóntase ao século I. Alí, departirán sobre «A fisionomía do visitante: a identidade do viaxeiro», con Gustavo Ribeiro, director do departamento de Pastoral do Turismo da CEE. A continuación, visitarán a cidade fronteiriza.

Pola tarde, trasladaranse ao mosteiro do Císter en Oia, onde o párroco de Santa María, Daniel Goberna, ofrecerá unha visita pola igrexa seguida da conferencia «…Et debuxit eos. O claustro do mar». A última parada da xornada será en Baiona para visitar a vila xunto ao profesor da Universidade de Santiago de Compostela, Anxo Rodríguez. 

A xornada finalizará coa procesión e misa na igrexa de Santa María de Baiona, presidida polo bispo emérito de Tui-Vigo, monseñor Luís Quinteiro.  

Jornadas nacionales de Patrimonio — Primer día | © Diocese Tui-Vigo