Enmarcado no Ano Santo 2025, que o papa Francisco convocou baixo o lema «Peregrinos de esperanza», o domingo 27 de abril, un centenar de migrantes procedentes de máis de dez nacionalidades, radicados en Vigo, participaron nunha emotiva peregrinación xubilar polas rúas da cidade, para celebrar o Xubileu dos Migrantes, un momento de graza e reflexión para toda a comunidade. A peregrinación foi unha manifestación vibrante da diversidade cultural e a profunda fe que une a persoas de diferentes orixes en Vigo.
Coas súas bandeiras e cánticos, os peregrinos iniciaron o seu percorrido na igrexa Santa Rita e San Xosé Obreiro, avanzando por lugares emblemáticos de Vigo como a Cidade da Xustiza, o monumento aos pescadores na Gran Vía, o farol de Urzaiz e o paseo de Príncipe. O punto culminante da peregrinación foi a chegada á concatedral-basílica de Santa María en Vigo, decretado templo xubilar durante este ano Santo. Alí, os participantes cruzaron a Porta Santa como símbolo da súa fe e esperanza.
A xornada concluíu coa eucaristía dominical, que foi concelebrada polo delegado de Migracións, Alberto Montes, e o párroco da concatedral e vigairo de Pastoral da diocese, José Vidal. Ambos destacaron nas súas mensaxes a importancia da acollida e a integración dos migrantes na sociedade viguesa neste ano xubilar.



