O 15 de novembro, un centenar de persoas de diferentes realidades eclesiais da diocese de Tui-Vigo asistiron, no Seminario Maior «San Xosé» en Vigo, ao simposio organizado pola delegación diocesana de Persoas Migrantes para presentar a presentar a exhortación pastoral «Comunidades acolledoras e misioneiras. Identidade e marco da pastoral con migrantes». O encontro contou coa participación de monseñor Fernando G. Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol e presidente da Subcomisión para as Migracións e Mobilidade Humana da Conferencia Episcopal Española.
Tras a oración inicial, o bispo mindoniense presentou este documento publicado pola Conferencia Episcopal Española, en marzo de 2024. O texto, dividido en cinco capítulos, busca actualizar a identidade do marco de referencia da pastoral con persoas migradas e ofrecer, desde a diversidade achegada polas migracións, algunhas claves para afrontar os desafíos do futuro. Durante a súa exposición, monseñor Fernando G. Cadiñanos ofreceu algunhas claves para afrontar, desde a Igrexa e a sociedade en xeral, o reto da realidade migratoria.
Ademais de presentar esta exhortación pastoral, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo ofreceu o seu testemuño do traballo que están a levar a cabo para acoller e acompañar ás familias que desexan compartir a fe en comunidade, especialmente, a aquelas que proceden doutros lugares.
Finalizada a exposición e presentación do documento, os asistentes dividíronse en cinco grupos para reflexionar sobre a exhortación. Posteriormente, un representante de cada un deses equipos expuxo as conclusións. Agora, a delegación de Persoas Migrantes revisará as achegas realizadas para elaborar, posteriormente, un documento final que recolla o sentir do encontro.
Partindo da premisa de que «a integración das persoas migradas na Igrexa é un dos signos dos tempos eclesiais máis claros», a exhortación foi publicada coa esperanza de suscitar «un cambio na conciencia e o enfoque de quen conformo o santo pobo de Dios. Que nos axude a configurar as comunidades do futuro, camiñando co que funciona ou reformulando onde sexa necesario o modelo de parroquia e de misión; promovendo con quen xa viven entre nós e os novos veciños ou irmáns comunidades acolledoras e misioneiras. Conversión persoal e pastoral para vivir en harmonía, testemuñar e anunciar xuntos a alegría do Evanxeo».











