«Cal é a alegría da fe? Pois sinxelamente dicir: “porque son amado, son chamado”». Esta frase podería resumir o encontro convocado pola delegación diocesana de Pastoral Vocacional, o sábado 14 de decembro, no Seminario Maior «San Xosé», en Vigo; un encontro no que un centenar de persoas foron convidadas a «profundar na beleza da vocación compartida» e a descubrir esa alegría da fe que brota do sentirse amado e chamado por Deus, así o expresou o delegado de Pastoral Vocacional, Ángel Carnicero, durante o discurso de benvida que tivo lugar no salón de actos, tras a oración inicial na capela, onde se ofreceu un espazo de encontro persoal con Deus e encomendouse o froito do traballo desa mañá.
Durante a súa intervención, o delegado de Pastoral Vocacional, Ángel Carnicero, destacou que «toda a vida da Igrexa parte desta conciencia e deste principio e fundamento, —Deus ámanos e chámanos— que é o que queremos, dalgunha maneira, orar, reflexionar e celebrar xuntos». Neste sentido, insistiu en que a invitación non era «a facer grandes conclusións nin tampouco grandes sínteses. Hoxe fomos convocados para estar xuntos, para que as nosas miradas se crucen, para que os nosos rostros se recoñezan e descubramos que non hai nada máis grande e mellor que atoparnos en Cristo. Isto é o que imos vivir esta mañá».
Ángel Carnicero tamén resaltou a importancia do Seminario Maior como o «fogar vocacional» da diocese de Tui-Vigo: dos sacerdotes e de quen se prepara para o diaconado permanente; dos segrares que se forman en Teoloxía; dos catequistas e voluntarios de Cáritas que conviven organizan as súas asembleas anuais… «Tantas e tantas realidades que nos fan a todos sentir esta casa como fogar vocacional».
A continuación, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, que estivo presente durante toda a mañá, tomou o relevo ao delegado diocesano para agradecer a participación de todas as persoas presentes, ás que animou a gozar da xornada, recoñecéndose unha peza importante e necesaria do amplo quebracabezas que reflicte a realidade da Igrexa que peregrina en Tui-Vigo, que camiña xunta, tendo como punto de referencia, como casa e fogar, o Seminario.
Unha vez presentados os obxectivos do Congreso nacional de Vocacións que terá lugar en Madrid, do 7 ao 9 de febreiro de 2025, e algunhas claves sobre a necesidade de redescubrir a vocación primeira de todo cristián —saberse amado, para sentirse chamado—, o centenar de diocesanos e diocesanas de Tui-Vigo tiveron a oportunidade de reflexionar en pequenos grupos acerca do sentido e da cultura vocacional dentro da Igrexa, tanto a nivel xeral como a nivel local. As conclusións de cada un dos doce grupos serán recompiladas para elaborar as conclusións que se enviarán á Conferencia Episcopal Española, durante os próximos días.
Este encontro diocesano sobre vocacións ofreceu espazos de oración e de reflexión, para sentirse parte da «asemblea dos chamados á misión» da diocese de Tui-Vigo; unha asemblea que, seguindo o estilo sinodal do papa Francisco, poida construír unha Igrexa capaz de regresar á súa vocación primeira: anunciar a beleza do amor de Deus, cara a cada persoa.