19 de Febreiro de 2026,
Beato Álvaro de Córdoba

Un novo sacerdote para a diocese de Tui-Vigo

Un novo sacerdote para a diocese de Tui-Vigo

Hoxe, ás 17.00 horas, na centenaria catedral de Santa María de Tui, o presbiterio diocesano de Tui-Vigo sumou un novo membro entre o clero: Miguel Fernandes que, tras finalizar os estudos no Seminario Maior «San Xosé» de Vigo e servir estes últimos meses como diácono, foi ordenado sacerdote de mans do bispo tudense, monseñor Antonio Valín. O bispo emérito, un amplo grupo de sacerdotes diocesanos, así como familiares e amigos do novo presbítero acudiron á catedral de Tui para acompañalo nesta nova etapa. Trátase da primeira ordenación sacerdotal na diocese nos últimos tres anos; a última foi a de Ramiro Álvarez e José Emilio Veiga, en xuño de 2022.  

No día no que a Igrexa celebra a solemnidade litúrxica da Inmaculada Concepción de María, toda a comunidade cristiá foi chamada a vivir unha dobre alegría: por unha banda, o tempo de Advento que nos indica a proximidade do Nadal; e por outro, a chegada dun novo sacerdote. Tras a proclamación do Evanxeo, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, expresou que «Deus non nos deixa perdidos no abismo e na escuridade: somos elixidos polo amor en relación con Xesús, o fillo de María. Ela é elixida e discípula: escoita a Palabra e obra segundo ela; inicia un camiño con esperanza e á espera da vida. Nela dinos: alégrate, estou contigo».  

Durante a súa homilía, o prelado tudense tamén se dirixiu ao novo presbítero subliñando que «es chamado pastor ao estilo de Xesús: servindo co estilo de proximidade, compaixón e tenrura que o Señor viviu sempre». Lembrando as palabras do papa Francisco, monseñor Antonio Valín convidou a Miguel a vivir o seu ministerio desde a proximidade, «porque así foi, e é, Deus connosco. A proximidade tense que manifestar na paixón por estar co Señor, compartindo con el momentos longos de oración, de escoita da súa Palabra, de silencio elocuente ante el e con el. Esa proximidade de Deus tamén se ha de manifestar na proximidade cos irmáns, co bispo, co presbiterio e co pobo santo».  

Onda a proximidade no ministerio sacerdotal, o bispo destacou a compaixón e a tenrura, pedindo que «nunca peches o teu corazón ás necesidades dos teus irmáns. O teu tempo xa non é teu, é doutros. Perde o tempo escoitando e consolando, acollendo, sorrindo e sendo misericordioso sempre. Que quen se achegue a ti nunca se sinta xulgado, desatendido ou desprazado. Que no teu estilo non haxa vaidade nin orgullo, só gratitude. Vive pobre, como a maioría do pobo santo de Deus». 

O bispo de Tui-Vigo finalizaba a súa intervención agradecendo a Miguel a súa entrega nesta Igrexa particular de Tui-Vigo, pero tamén a todas as persoas que lle acompañaron ao longo do seu camiño vocacional: ao seminario e aos formadores, aos sacerdotes, á súa familia e amigos, así como á súa parroquia. Por último, monseñor Antonio Valín pediu que a virxe «sexa sempre para ti, un modelo de entrega confiada, de si xeneroso, de alegría desbordante, de crente que busca facer a vontade do Señor en cada momento».  

Despois de prometer respecto e obediencia ao bispo e os seus sucesores, chegou o momento central da celebración: o cántico das ladaíñas dos santos con Miguel prostrado no presbiterio. Tras isto, coa imposición das mans polo bispo, a acollida do presbiterio e a pregaria de ordenación naceu un novo sacerdote para a Igrexa de Tui-Vigo.  

«Pedímosche Padre Todopoderoso que confiras a este servo teu a dignidade do presbiterado, renova no seu corazón o espírito de santidade, reciba de ti o segundo grao do ministerio sacerdotal e sexa coa súa conduta exemplo de vida», proclamaba o bispo de Tui-Vigo durante a pregaria. Concluído este momento, Miguel foi revestido coa casulla para recibir despois dous ritos que explicitan o que acababa de ocorrer: a unción das mans e a ofrenda para a Eucaristía.  

O sacramento da Orde, polo que algúns fieis son constituídos en ministros sacros, comprende tres graos: o episcopado, o presbiterado e o diaconado. Miguel entrou a formar parte do presbiterio diocesano, converténdose en colaborador do bispo en diversas tarefas, entre as que cabe destacar aquelas que aínda non tiña sendo diácono:   a celebración dos sacramentos da Eucaristía, da Reconciliación e a Unción de Enfermos.    

Actualmente, segundo últimos datos enviados á Conferencia Episcopal Española, a diocese conta con 165 sacerdotes incardinados e 6 diáconos permanentes que desenvolven a actividade pastoral e sacramental da Igrexa de Tui-Vigo.