A realidade acompañada por Cáritas ten rostro de muller. Segundo os últimos datos, Cáritas acompañou en 2021 en España a máis de 13.834 mulleres en 28 programas específicos relacionados coa muller. Unha de cada catro mulleres atendidas neses proxectos (3.500) eran vítimas de violencia ou se atopaban en contextos de prostitución.
Nos últimos anos produciuse ademais un aumento no número de mulleres en situación de sen fogar (20% de mulleres, fronte a 80% de homes). Esta realidade obrigou ás Cáritas diocesanas a aumentar os seus recursos. Actualmente, unha de cada tres conta con algún proxecto específico para mulleres debido ao aumento das demandas.
Ademais, o 64 por cento das persoas acompañadas nos programas de emprego son mulleres. «Esta tendencia mantense ao longo dos anos, froito das múltiples barreiras e obstáculos que enfrontan as mulleres á hora de acceder, manterse e progresar no mercado laboral», explica Noelia de Pablo, responsable dos programas de Muller, Trata e Prostitución de Cáritas Española.
As tarefas dos coidados
Grazas ao traballo diario con miles de mulleres en situación de vulnerabilidade, Cáritas quere conmemorar o Día Internacional da Muller, o próximo 8 de marzo, cunha chamada de atención sobre os retos pendentes para avanzar no dereito das mulleres á igualdade e a unha vida libre de todo tipo de violencia.
Entre eses aspectos, destaca o actual sistema de benestar, que fai recaer sobre as mulleres as tarefas dos coidados. «Esta realidade limita a súa inserción laboral e ten graves implicacións a nivel persoal e social: menor independencia económica para decidir sobre as súas vidas, menor acceso ao lecer e a cultura e menor participación na vida democrática da súa comunidade. Ademais, son as maiores perceptoras de pensións non contributivas ao chegar a xubilación, por iso as mulleres maiores teñen maior vulnerabilidade económica», destaca Noelia de Pablo.
En relación co emprego, elas teñen peor taxa de paro e máis dificultades para atopar un traballo digno e igualitario. A brecha salarial sitúase no 9,4%. «A isto únese o gran número de mulleres que non traballan nin buscan emprego por ter que ocuparse dos coidados», sinala de Pablo. A fenda dixital é tamén unha brecha de xénero que afecta máis as mulleres maiores.
Boa parte dos empregos máis precarios recaen nelas. Dentro do sector do traballo do fogar, apenas 39.852 persoas figuran como cotizantes á Seguridade Social. «Gran parte das traballadoras realizan o seu labor sen os dereitos e a protección que deberían ter. Trátase dun sector altamente feminizado que ademais carece do recoñecemento social que merece e que sitúa con frecuencia ás traballadoras en situacións de precariedade laboral e desprotección social», apunta a responsable dos programas de Muller, Trata e Prostitución de Cáritas Española.
Invisibilidade e estigmatización
A violencia contra a muller ten un impacto maior en persoas en situación de pobreza e exclusión social. «No noso día a día, acompañamos a mulleres que se ven inmersas en distintas manifestacións de violencia e en moitas ocasións invisibilizadas. Esta invisibilidade non só vulnera, exclúe e estigmatiza ás mulleres que chegan aos nosos recursos, senón que tamén aumenta o risco de que sufran abusos, violencias e explotación», apunta.
No extremo da exclusión social, atópanse as mulleres en situación de sinhogarismo, cuxo número non fai máis que aumentar. «Trátase dunha situación de especial desprotección e vulnerabilidade, así como dunha maior estigmatización», engade Noelia de Pablo.
Dobre vitimización nas crises humanitarias
No ámbito internacional, os conflitos, as guerras e as crises humanitarias agravan pautas preexistentes de discriminación contra mulleres e nenas e expóñenas a maiores riscos de padecer violacións de dereitos humanos.
Por exemplo, na guerra de Ucraína as persoas en situación de axuda humanitaria urxente ascenden a 17,7 millóns, das cales 9,5 son mulleres, segundo fontes de DG-BOTO. Así mesmo, a realidade da muller e a nena no conflito colombiano mostra que a violencia contra elas é utilizada como estratexia de guerra polos actores armados. Son distintas formas de violencia física, psicolóxica e sexual. En concreto, foron rexistradas 51.919 mulleres vítimas deste conflito armado.
Fronte a esta realidade, Cáritas reclama respostas urxentes e valentes para acabar coa desigualdade de xénero e as violencias machistas. «Os avances das últimas décadas foron importantes, pero aínda queda moito camiño por percorrer», explica Noelia de Pablo.
Iniciativa “Elas somos nós”
Co obxectivo de visibilizar as múltiples brechas e situacións de exclusión que sofren as mulleres, Cáritas lanzou a iniciativa «Ellas Somos Nosotras». A través da voz de nove mulleres líderes no seu sector e comprometidas publicamente coa igualdade de oportunidades, a proposta pretende dar a coñecer á sociedade a situación de vulnerabilidade que sofren as mulleres ás que Cáritas acompaña e cuxos dereitos son vulnerados.
«Ellas Somos Nosotras» busca promover, ademais, a solidariedade económica cos programas de atención a mulleres de Cáritas nos que estamos presentes tanto en España como noutros países do mundo grazas a proxectos de cooperación fraterna coas Cáritas locais.
Baixo o hashtag #EllasSomosNosotras, esta iniciativa irá dando a coñecer en redes sociais distintas realidades de exclusión que Cáritas acompaña dentro e fóra de España. Entre elas, destacan a fenda dixital, a precariedade laboral, o sinhogarismo e as violacións de dereitos que sofren as mulleres nas zonas afectadas por conflitos.
«Esperamos poder dar voz a miles de mulleres e seguir fortalecendo o noso labor grazas á solidariedade de todas e todos, porque elas somos nós e nós somos elas», asegura María Ángeles García, coordinadora do Equipo de Doantes e Institucións de Cáritas Española.