9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

Unha Ofrenda cargada de memoria e gratitude á virxe do Carme

Unha Ofrenda cargada de memoria e gratitude á virxe do Carme
FOTO.- Enrique Fernández realizó la ofrenda ante la imagen de la virgen del Carmen de Panxón | © Diocese de Tui-Vigo

O Templo Votivo do Mar en Panxón  acolleu, o pasado sábado 11 de xullo, a tradicional Ofrenda do Mar á virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, que, nesta ocasión, realizou Enrique Fernández, antigo alumno da primeira promoción do orfanato nacional «Virxe do Carme» de Panxón.  A celebración estivo presidida polo bispo de Tui-Vigo e promotor de Stella Maris en España, monseñor Antonio Valín Valdés.

No marco do 50º aniversario da cesión e traspaso da Obra do Mar ao Instituto Social da Mariña e polo centenario do descubrimento do arco visigótico, as xentes do mar reuníronse ante a icónica imaxe da virxe do Carme de Panxón. En representación de todos os «orfos do mar», Enrique Fernández expresou que o orfanato nacional «Virxe do Carme», primeira institución deste tipo en España, «foi o noso segundo fogar, a nosa segunda familia, aínda que, tamén debo dicilo, en certos casos, era a única casa e a única familia».

Para quen era «arrincados da figura paterna», como expresou o oferente, «a virxe do Carme era a patroa dos nosos pais, pero para nós era unha descoñecida». Co paso do tempo, «ir crecendo e comprendendo, e non se trata de crer ou non crer, senón de aferrarse na soidade á necesidade de sobrevivir, aferrarse a unha esperanza de saír adiante. Esa fe, esa ansiedade, ese sentimento, ten nome de muller, alguén con quen xa non discutimos, simplemente falamos, alguén a quen acudo para rogar, pedir ou rezar, ese alguén é a nosa Nai Espiritual».

Enrique Fernández finalizou a ofrenda «mostrando toda a nosa gratitude e eterna devoción á nosa querida Virxe do Carme, Raíña dos Mares e Nai dos seus Orfos. Grazas Señora».

O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, respondeu a esta ofrenda exhortando aos presentes para ofrecer o seu compromiso inquebrantable coas xentes do mar: «que a nosa ofrenda sexa un compromiso coas xentes do mar, coas súas familias, coas que fan do mar a súa vida e coas que perderon a vida nel. Que sexa un compromiso cos que senten a soidade ao lonxe, a incerteza da espera —tantas veces en situacións inhumanas e de violencia—, a fraxilidade que deixa a necesidade dun abrazo e a presenza que non sempre chega». Finalizaba a súa intervención agradecendo a quen «loita no seu quefacer diario, por visibilizar esta realidade e acompañala, comprometéndose con ela»; especialmente, agradeceu o silencioso labor, tantas veces descoñecido, de Stella Maris, «faro aceso para tantos mariñeiros e as súas familias».

Esta homenaxe das xentes do mar finalizou cun momento de adoración eucarística, seguido da bendición dos mares co Santísimo sacramento desde a porta do templo; unha bendición para protexer a todas esas persoas que viven do mar, así como ás súas familias que sofren a soidade e ausencia que provoca ao arduo traballo no sector marítimo.  

Foi no ano 1939, cando o templo votivo de Panxón  celebrou, por vez primeira, a Ofrenda do Mar que, ademais de ser unha homenaxe das catro mariñas —a armada, a mercante, a frota pesqueira e a deportiva— á Virxe, converteuse nunha oportunidade para resaltar o papel dos mariños e visibilizar os graves problemas que afectan as súas vidas e familias. A Igrexa universal reforza a conmemoración do «Día das xentes do mar» que se celebra todos os anos, o 16 de xullo, facéndoo coincidir coa festa católica da virxe do Carme.

Desde 1944, tras a Asemblea Nacional do Apostolado do Mar que tivo lugar en Bilbao, a diocese de Tui-Vigo foi un referente para toda España na defensa e protección dos dereitos do mariño, grazas ao labor desenvolvido no coidado dos traballadores e as familias que dependen do mar.