A parroquia de San Mamede Pedornes, que conta con 371 habitantes, conseguiu aforrar 7.114,80 euros, para restaurar as pinturas murais do baptisterio que poderían datar do século XVI, segundo os estudos realizados pola empresa ARA, responsable da restauración. Daniel Gobierna, párroco de Pedornes , explica que todo foi posible grazas a «unha comunidade moi humilde» —os sábados pola tarde reúnense ao redor de 15 persoas— que, «con moita paciencia» propuxo «pequenas iniciativas —como a venda de pulseiras personalizadas— que foron sumando, gran a gran, a cantidade» necesaria para que a capela bautismal recuperase a súa cor orixinal.
Coa súa chegada á parroquia, hai cinco anos, Daniel percibiu algunhas cores nas paredes do baptisterio, pero ningún fregués da comunidade lembraba que era o que había sobre a pedra. «Un día parámonos un pouquiño e descubrimos a figura do Bautista —rememora o párroco— e iso foi o que nos motivou á restauración, tamén porque intuïamos pinturas nos laterais». Durante este lustro, Daniel destaca que foi importante concienciar á xente sobre o valor do patrimonio que, en certo xeito, constitúe un elemento indispensable da identidade da comunidade cristiá.
Paciencia, ilusión e creatividade son os ingredientes necesarios para poder levar a cabo un proxecto desta envergadura, afirma Daniel: «a paciencia de ir pouquiño a pouco, gran a gran. Ilusión e ilusionar á xente, que sinta que sintan a arte e esa beleza, como parte do que les constitúe a eles como comunidade de fe. E creatividade, para “estrullar” a cabeza entre todos, porque pensando todos xuntos xorden iniciativas»
A restauración do baptisterio da igrexa de San Mamede de Pedornes finalizou en decembro de 2023 e para celebralo a parroquia organizou un ciclo de conferencias titulado «A auga, fonte de vida», no que profundar sobre o significado e o valor da auga en diferentes ámbitos da vida, como a Liturxia, a Bioloxía ou a Historia.