Do 10 ao 16 de febreiro, baixo o lema «Enche o seu corazón, faino latexar», a delegación de Pastoral Familiar organiza unha «Semana do matrimonio» co obxectivo de ofrecer unha oportunidade para que os matrimonios católicos renoven o seu compromiso, á vez que pon en valor o sentido e a beleza do sacramento no medio da sociedade actual. A Subcomisión para a Familia e a Defensa da Vida da Conferencia Episcopal Española é a encargada de promover esta proposta a nivel nacional, pero con transcendencia e calado local, adaptándose á realidade de cada dioceses.
A delegación diocesana de Tui-Vigo organizou tres propostas para celebrar esta «Semana do matrimonio»: un taller na casa para realizar en casa e elaborar un agasallo para celebrar san Valentín —«A nosa historia» é o título do taller—; unha vixilia de oración, no templo parroquial do Rocío en Vigo, ás 19.30 horas, o xoves 13 de febreiro; e un roteiro romántico, o venres 14 de febreiro, ás 21.00 horas, en Baiona, seguida dunha master class de danza. Como en anos anteriores, a aplicación móbil «MatrimONio», desenvolvida pola Conferencia Episcopal Española, ofrece un retiro en parella para seguir desde casa.
Taller «A nosa historia»
Baixo o título «A nosa historia», a delegación de Pastoral Familiar propón un pequeno taller para celebrar a festa de san Valentín, escapando do consumismo e materialismo que rodea esta cita anual. Mediante este taller que se realizará en casa, os matrimonios poderán elaborar un pequeno agasallo para a súa parella Os materiais poden descargarse a través da seguinte ligazón.
Vixilia de oración
O xoves 13, ás 19.30 horas, véspera de san Valentín, a parroquia da Nosa Señora do Rocío en Vigo acollerá a vixilia de oración na que se intercederá de forma especial polos matrimonios de todo o mundo.
Roteiro romántico para matrimonios
A delegación de Pastoral Familiar organiza un roteiro romántico para matrimonios en Baiona, co obxectivo de compartir un intre de reflexión e oración en parella, pero tamén un momento lúdico-festivo con matrimonios de toda a diocese de Tui-Vigo. Ao terminar o roteiro, haberá unha master class de danza.
Os participantes deberán inscribirse previamente no correo: pfamiliar@diocesetuivigo.org.
APP «MatrimONio»
Entre os materiais que se desenvolveron para celebrar esta semana do Matrimonio atópase a aplicación «MatrimONio». A través da ligazón appmatrimonio.es pódese acceder e ver todas as opcións.
Nesta aplicación inclúense diferentes actividades para crecer na vida matrimonial, desde un retiro para matrimonios, unha meditación diaria, diálogos conxugais de cinema, vídeos con testemuños ou a axenda coas iniciativas nas dioceses.