29 de Marzo de 2024

,

San Eustasio
29 de Marzo de 2024

,

San Eustasio

Unha semana para poñer en valor o sacramento do Matrimonio

Unha semana para poñer en valor o sacramento do Matrimonio

Do 13 ao 19 de febreiro, baixo o lema «Matrimonio é +», a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo organiza unha «Semana do matrimonio» cunha ampla oferta de actividades co obxectivo de ofrecer unha oportunidade para que os matrimonios católicos renoven o seu compromiso, á vez que pon en valor o sentido e a beleza do sacramento no medio da sociedade actual. A Subcomisión para a Familia e a Defensa da Vida da Conferencia Episcopal Española é a encargada de promover esta proposta a nivel nacional, pero con transcendencia e calado local, adaptándose á realidade de cada dioceses. 

As actividades desta «Semana do matrimonio» inclúen diferentes momentos que axudarán a coidar todas as dimensións da relación conxugal —espiritual, relacional, familiar, etc.— mediante a creación de espazo de oración, diálogo e reflexión. Todo iso comezará o luns 13 de febreiro cun retiro on-line a través da aplicación móbil «Matrimonio», que creou a CEE para a ocasión, e prolongaranse ata o domingo 19 de febreiro, ás 12 horas, cando se clausurará cunha eucaristía na concatedral-basílica de Vigo.

Desde a delegación diocesana de Pastoral Familiar, animan a todas as parellas —xa sexa casadas ou camiño a recibir o sacramento— para participar nas actividades propostas e tamén a descargarse a APP, para enriquecer a súa vida común mediante a oración e o testemuño doutras persoas que, ao longo dos anos, aprenderon a fortalecer a súa unión conxugal a pesar das adversidades da vida.  

Inauguración da «Semana do matrimonio» | Martes 14, ás 19 horas

Coincidindo co día de «Santo Valentín», a delegación de Pastoral Familiar inaugura a «Semana do matrimonio» cunha eucaristía presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro, ás 19 horas, na concatedral-basílica de Santa María de Vigo.

Oración coa mocidade

No marco da Oración Nova que, cada mércores, organiza a delegación de Pastoral Xuvenil e Universitaria de Tui-Vigo, a delegación de Pastoral Familiar prepara un encontro de oración entre matrimonios e novos, ás 21 horas, no templo parroquial do Corazón de María, para testemuñar a beleza do amor conxugal entre as parellas de noivos e os mozos que se atopa nun momento de discernimento vocacional.

Roteiro romántico para matrimonios

A delegación de Pastoral Familiar organiza un roteiro romántico para matrimonios ao redor da vila de Redondela, co obxectivo de compartir un intre de reflexión en parella, pero tamén lúdico-festivo con matrimonios católicos de toda a diocese de Tui-Vigo.

Os participantes deberán inscribirse previamente no correo: pfamiliar@diocesetuivigo.org.

Eucaristía de clausura

Os actos serán clausurados o domingo na concatedral-basílica de Santa María de Vigo, onde se poderá compartir a eucaristía en familia e en comuñón con todas as familias da diocese. Tamén será un momento para agradecer vivir durante os días previos, nos que se celebra  a beleza do sacramento do Matrimonio.

APP «Matrimonio»

Entre os materiais que se desenvolveron para celebrar esta semana do Matrimonio atópanse: unha Aplicación para dispositivos móbiles: APP «Matrimonio», dispoñible xa para Android en Google Play e IOS no App Store. A través da ligazón appmatrimonio.es pódese acceder e ver todas as opcións.  

Nesta aplicación inclúense diferentes actividades para crecer na vida matrimonial, desde un retiro para matrimonios, unha meditación diaria, diálogos conxugais de cinema, vídeos con testemuños ou a axenda coas iniciativas nas dioceses.

Ademais, a partir do día 14 de febreiro estará dispoñible a páxina web que se creou para esta semana do Matrimonio: matrimonioesmas. org, a través da cal se poderá acceder a todos os recursos realizados para a súa difusión nas diferentes redes sociais.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp