Unha vintena de persoas da diocese de Tui-Vigo, acompañadas polo bispo tudense, monseñor Antonio Valín, participarán na Asemblea interdiocesana de Vocacións, «Para quen son?», que terá lugar no Seminario Maior Interdiocesano «Apóstolo Santiago», este sábado, 29 de novembro, de 10.30 a 18.30 horas. A iniciativa, organizada conxuntamente polas cinco dioceses galegas —Lugo, Mondoñedo-Ferrol, Ourense, Santiago de Compostela e Tui-Vigo—, é froito e prolongación da experiencia vivida no Congreso nacional de Vocacións —celebrado en Madrid o pasado mes de febreiro, baixo o lema «Para quen son? Asemblea dos chamados para a misión»—.
A xornada contará cunha relatorio marco titulada «Cultura vocacional hoxe», que impartirá o irmán de La Salle, Jorge Sierra. A continuación, os participantes dividiranse en grupos para reflexionar acerca da importancia da cultura vocacional. Tras a comida, haberá un espazo de arte e vocación a cargo da comunidade de Pedras Vivas de Santiago de Compostela. O encontro finalizará ás 17.00 horas, coa celebración da eucaristía na catedral compostelá.
Este encontro ten como obxectivo ofrecer un espazo común de reflexión, encontro e oración sobre a vocación cristiá en todas as súas dimensións, no que se poderán compartir experiencias, testemuños e propostas que axuden a suscitar unha auténtica cultura vocacional nas comunidades cristiás de Galicia. Posteriormente, elaborarase un documento coas conclusións.
As delegacións de Pastoral Vocacional de Galicia expresan que esta Asemblea pretende ser «unha oportunidade para descubrir que toda vocación é resposta a unha chamada concreta de Dios e para tomar conciencia de que cada vida ten un sentido e unha misión ao servizo dos demais». Con esta iniciativa, as dioceses galegas reafirman o seu compromiso co acompañamento vocacional e coa promoción dunha pastoral que axude aos fieis a discernir e vivir a súa chamada nos diversos ámbitos da vida cristiá.