O luns, 18 de xaneiro, comeza a Semana de Oración pola Unidade dos Cristiáns, unha cita organizada conxuntamente polo Consello Pontificio para a Promoción da Unidade dos Cristiáns e a Comisión Fe e Constitución do Consello Mundial de Igrexas baixo o lema «Permanecede no meu amor e daredes froito en abundancia» (Xn 15, 5 – 9). Os materiais para a preparación espiritual deste Oitavario e o cartel —dispoñible en castelán e en galego— xa poden descargarse a través da web diocesana.
Os bispos responsables da Subcomisión para Relacións Interconfesionais e Diálogo Interrelixioso da CEE explican, na súa mensaxe para este ano 2021, que «para o ecumenismo non hai atallos, porque o ecumenismo verdadeiro transita polo camiño da verdade crida e practicada» e, así, animan a todos os fieis a buscar a unidade manifestada polos discursos de Xesús durante a última Cea, pois só mediante a unidade da Igrexa poderase alcanzar a unidade que Cristo quere para todos. Na Diocese de Tui-Vigo celebrarase un acto que xuntará en oración a católicos, evanxélicos, anglicanos e ortodoxos, organizado polo delegado de Ecumenismo e Relacións Interconfesionais de Tui-Vigo, o pai Faustino García. Será o vindeiro xoves, 21 de xaneiro, ás oito e media da tarde no templo dos capuchinos, María Nai do Bo Pastor —situado na rúa Vázquez Varela—.