16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

Usuarios da Misión do Silencio peregrinaron a Tui para celebrar o Xubileu

Usuarios da Misión do Silencio peregrinaron a Tui para celebrar o Xubileu
FOTO.- Usuarios de la Misión del Silencio tras la misa jubilar en la catedral de Tui

Máis dunha vintena de usuarios do comedor da Misión do Silencio —situado na rúa Urzaiz en Vigo— peregrinaron, o pasado 3 de xullo, á catedral de Santa María de Tui para celebrar o Ano Xubilar 2025, que o papa Francisco convocou baixo o lema «Peregrinos de esperanza». Esta peregrinación foi posible grazas a Cáritas Diocesana de Tui-Vigo, a delegación diocesana para o Xubileu e o equipo de acollida do templo catedralicia; ademais contou coa colaboración económica de Acción Social Empresarial (ASE).

Durante a mañá, os usuarios participaron nunha visita guiada pola catedral para coñecer a historia e a arte que rodean o templo. A visita concluíu cunha explicación didáctica do órgano barroco, seguida dun pequeno concerto.

O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acompañou ao grupo durante parte da xornada e presidiu a misa xubilar, durante a cal explicou que a fe necesita que abramos os ollos para ver a realidade de forma distinta e, así, descubrir a presenza de Cristo. Terminada a eucaristía, algúns peregrinos colocaron unha nova peza do quebracabezas que se está construíndo coa colaboración dos diferentes grupos que peregrinan á catedral para celebrar o Ano Xubilar.

Tras subir ás cubertas da catedral para admirar as vistas da cidade e a veiga do Miño, os usuarios da Misión do Silencio gozaron dunha comida de confraternización no restaurante «Cruceiro do monte». Antes de regresar, puideron pasear e admirar a natureza do monte Aloia.

Os organizadores desta actividade agradecen a colaboración de todas as persoas que contribuíron ao seu desenvolvemento e, de maneira especial, aos participantes e a ASE, pola súa colaboración económica que axudou a financiar esta actividade.