O domingo 27 de abril, o Seminario Maior «San Xosé» en Vigo acolleu o encontro rexional de Equipos da nosa Señora, que contou coa participación de matrimonios da Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e de diferentes puntos da diocese de Tui-Vigo. Ao encontro tamén asistiron os responsables rexionais, Maruchi e Jesús, xunto cos responsables nacionais, Miguel e Amparo, matrimonio valenciano que acaba de asumir este servizo no movemento.


O encontro comezou cun momento de oración no que se lembrou de maneira especial ao papa Francisco. A continuación, Miguel e Amparo, responsables nacionais, animaron aos asistentes para gozar do agasallo que ofrece o movemento ENS, para coidar o sacramento matrimonial e á familia; ademais, convidaron a dalo a coñecer a través do testemuño de cada parella. Durante a mañá, tamén se agradeceu o labor que, durante tres anos, realizou o matrimonio formado por María e Manolo, á fronte do sector de Ourense.


O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a eucaristía na capela do Seminario. Na súa homilía, o prelado destacou os tres elementos que o papa Francisco lembroulles no seu último encontro: misericordia para acoller a todos, tenrura no trato e sentido do humor para o día a día, tres claves para poñer en práctica na nosa vida e coas nosas familias.



Despois de celebrar a vida na mesa do altar, os matrimonios asistentes compartiron, ao redor do mantel, boa conversación e ricos manxares. Finalmente, no marco do Ano Santo 2025, convocado baixo o lema «Peregrinos de esperanza», púidose gozar dun pouco de maxia que encandeou a nenos e maiores.
A xornada concluíu co rezo do Magnificat e o envío das numerosas familias asistentes aos seus fogares co corazón cheo de ilusión polo vivido e compartido.
Equipos da nosa Señora (ENS) é un movemento de matrimonios, dirixido e coordinado por matrimonios que nace no París da 2ª Guerra Mundial; na posguerra constitúese en movemento e, en 1948, apróbase a Carta Fundacional. O pai Henri Caffarel, cuestionado por algúns novos matrimonios sobre como poderían ir máis aló nas súas promesas bautismais e que poderíalles axudar a vivir a fe en parella, elabora un método que favorece a comunicación no matrimonio en profundidade e á luz de Cristo. É así como a Espiritualidade Conxugal, noméase por primeira vez na historia da Igrexa, converténdose no carisma fundamental do movemento. Os ENS están pensados para dar resposta a todos aqueles matrimonios que busquen ser felices seguindo a Cristo xuntos e buscando cumprir a súa vontade.