O sábado 9 de agosto, o colexio Apóstolo Santiago en Vigo acolleu o primeiro encontro interdiocesano de Galicia de diáconos permanentes, candidatos e aspirantes ao diaconado, e as súas familias. Ata a cidade olívica desprazáronse máis de corenta persoas para vivir unha xornada de encontro, fraternidade e reflexión. Durante a mañá, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acompañou ao grupo e presidiu a eucaristía na capela do colexio, acompañado polo vigairo de Pastoral da arquidiocese de Santiago de Compostela, Javier Porro.
Ata o de agora, non se estableceu ningún encontro formal dos diáconos permanentes da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela. Ignacio Delgado, coordinador deste encontro, explica que «o ano pasado, con motivo dunha ordenación diaconal, reunímonos varios diáconos e candidatos na zona de Betanzos-Aranga. Foi moi positivo e, de aí, xurdiu a idea de establecer uns encontros regulares». Así, acordouse que a data destes encontros anuais sería o sábado máis próximo á festividade de san Lorenzo —diácono e mártir español, cuxa memoria litúrxica a Igrexa celebra o 10 de agosto—. Nesta ocasión, a diocese de Tui-Vigo foi a encargada da acollida, pero, en 2026, tocaralle a quenda á diocese de Ourense.


Esta xornada constitúe un espazo «de puro encontro, de coñecerse, de estar xuntos e, sobre todo, coas familias», incide Ignacio Delgado. Cobra especial relevancia, a figura da esposa «porque ás veces os seus maridos están comprometidos e, aínda que a muller sabe que é algo bo, pódese sentir un pouco soa. Encontros deste tipo axudan moito a tomar perspectiva», aclara Delgado.
Maricarmen, a esposa de Xosé Manuel que leva 8 anos como diácono permanente, comparte que «ao principio, custou un pouco, porque había moi pouca información do que supoñía para a vida familiar que unha persoa fose diácono». Asumir as responsabilidades do diaconado supón adaptar a vida familiar, por iso «o labor da familia e da esposa é acompañar. Aos fillos, se se teñen, hai que explicarlles tamén que a vida vai cambiar e que, aínda que o seu pai estea máis tempo fóra, o tempo que se pase con el debe ser de calidade». Maricarmen expresa con alegría que este tipo de encontros axudan, «principalmente, a coñecernos; logo, a compartir a fe», gozando tamén dun día lúdico no que compartir experiencias, reflexións e mesmo medos.


Nalgúns casos, os diáconos, candidatos e aspirantes asistiron, non só coas súas esposas, senón tamén cos seus fillos. Con só 12 anos, Ignacio, fillo de Teresa e Nacho, alégrase de que o seu pai —Ignacio Delgado— sexa diácono permanente: «creo que o pode facer moi ben, porque el ten moitísima fe e sente moito a Cristo. Tamén é moi responsable; cando lle encargan un labor sempre a cumpre». Para Ignacio, o seu pai, que tamén é o seu profesor de Relixión, é un exemplo de fe: «onda a miña nai, foi quen me descubriu a fe —ensinoume a confesarme, sempre rezabamos xuntos…—. Síntome orgulloso de que sexa diácono permanente».
Desde hai algúns anos, a Igrexa está a recuperar e potenciar a figura do diácono permanente. O bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, subliña que é fundamental, xa que «colaboran moitísimo nas parroquias, non soamente na Liturxia, senón tamén na caridade, no ensino da Palabra, na catequese…». Neste sentido, afirma que tanto estes encontros, como o diaconado permanente «son un agasallo, non só para cada unha das dioceses, senón tamén para toda Galicia, porque significa un proxecto de futuro».


Para Amancio Moure, diácono permanente na diocese de Ourense desde hai 4 anos, «ser diácono é unha vocación e un servizo para a Igrexa. Supón responder a unha chamada do Señor para entregarse aos demais, desde o punto de vista do ministerio do diaconado». No que respecta a estes encontros interdiocesanos e aos encontros anuais que promove a Conferencia Episcopal Española, Amancio cre que é unha oportunidade para enriquecer «a visión que tes do teu ministerio e é unha maneira de estar todos en comuñón, porque estamos todos no mesmo barco. Estamos con xente como nós que está en clave de misión, de vocación».
O pasado 28 de xuño, Manuel Marín foi ordenado diácono permanente na catedral de Tui. Mes e medio despois, Manuel recoñece que, ese día, «sentiuse moi acollido pola súa familia e por toda a xente que me coñece. Estou sumamente agradecido ao Señor, porque me está dando esta oportunidade de ser unha ferramenta ao servizo dos demais». Respecto ao encontro do sábado, expresa que foi un momento «gratificante e enriquecedor», durante o que poder «intercambiar inquietudes e experiencias. Vexo que aos poucos se vai facendo unha familia de diáconos en Galicia. Non todos realizamos o mesmo labor, pero todos somos ferramentas ao servizo de la Iglesia. Todos poñemos o noso granito de area alí onde se nos necesita e onde se nos chama».


Tras a eucaristía da mañá, o grupo achegouse ata a capela da Nosa Señora das Neves, no monte da Guía, onde o párroco, Ramón Lera, ofreceu unha pequena visita guiada polas orixes e a evolución da capela. Desde a torre do campanario, puideron contemplar as vistas da cidade olívica, tinguida pola néboa que, pouco a pouco, comezaba a despexar. Pola tarde, houbo espazo para a reflexión e para compartir diversas experiencias, entre elas, o Xubileu dos Diácono en Roma, no mes de febreiro.
En total, a provincia eclesiástica de Santiago de Compostela conta con 15 diáconos permanentes que desenvolven o seu ministerio en diversas parroquias das súas dioceses de orixe. Os diáconos permanentes poden asistir ao bispo e aos presbíteros na celebración da Eucaristía e na distribución da comuñón; asistir á celebración do matrimonio e bendicilo; proclamar o Evanxeo e predicar; presidir as exequias; e entregarse aos diversos servizos da caridade.
