9 de Agosto de 2026,
Santa Teresa Benedicta de la Cruz

Vigo volveu alzar a mirada cara ao Cristo da Vitoria

Vigo volveu alzar a mirada cara ao Cristo da Vitoria
FOTO.- La imagen del Cristo de la Victoria a su paso por el Berbés | © Diocese de Tui-Vigo

Miles de persoas acompañaron este domingo ao Santísimo Cristo da Vitoria na tradicional procesión polo centro de Vigo, renovando unha das manifestacións de fe máis antigas e multitudinarias da cidade. Ao termo do percorrido, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, convidou a «alzar a mirada» para descubrir en cada persoa o rostro do Señor.

Hai imaxes que terminan formando parte da historia dun pobo. E hai outras que, xeración tras xeración, seguen camiñando con el. Desde hai máis de dous séculos, o Santísimo Cristo da Vitoria percorre as rúas de Vigo como signo dunha devoción nacida en tempos de dificultade e que, lonxe de apagarse, continúa reunindo cada verán a miles de persoas. Unha vez máis, a cidade volveu deterse para acompañar ao Cristo nun percorrido que atravesou o corazón de Vigo entre oracións, cantos e mostras de agarimo dos fieis.

Ás 19.30 horas, as campás da concatedral-basílica de Santa María repenicaron con forza para anunciar o inicio da procesión. Centenares de persoas esperaban xa nas inmediacións do templo, alzando o rostro cara ao Cristo da Vitoria. A medida que a imaxe avanzaba pola rúa Real, algúns veciños agardaron o seu paso desde os balcóns das súas vivendas para renderlle homenaxe cunha choiva de pétalos e flores. Un xesto sinxelo de agarimo e veneración que, repetido xeración tras xeración, forma xa parte da identidade desta histórica procesión e converte as rúas de Vigo nun auténtico altar ao aire libre.

No Berbés, as parroquias da área viguesa uníronse para acompañar ao Cristo con estandartes e os máis pequenos da confraría portaban velas ao comezo da comitiva. A cada paso, persoas de todas as idades, desde nenos de apenas uns meses ata maiores de setenta, sumábanse á procesión co corazón cheo de promesas e gratitude cara a un Deus que cumpre o imposible.

As xentes do mar tamén renderon homenaxe ao seu protector, facendo tocar as bucinas dos seus barcos en sinal de agradecemento a ese Cristo do Sal que, tal e como conta a tradición oral, habería de salvar dun naufraxio á embarcación que o atopou no medio das augas. Aí, aos pés do mar na rúa Cánovas del Castillo, o bispo pronunciou a bendición dos mares, nunha cidade cuxa historia, identidade e fe estiveron sempre profundamente vinculadas o mar.

Tras percorrer Montero Ríos, Colón e Príncipe, en Porta do Sol unha alfombra floral, realizada pola asociación «Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas», recibiu ao Cristo, a quen homenaxeou con cantos e danzas. Despois, monseñor Antonio Valín dirixiu unha oración que convidou a contemplar a procesión desde unha perspectiva diferente. «Quizais hoxe aconteceu algo máis fondo. Non fuches só ti, Cristo, quen pasou entre nós. Quizais fomos nós os que pasamos diante de ti», comezou dicindo, lembrando que Cristo non contempla a vida do seu pobo desde a distancia, senón que camiña onda el, mirando con amor ás súas familias, a quen sofre, a quen busca esperanza e a todos aqueles que cargan co peso da vida cotiá.

Tal e como expresou durante a eucaristía solemne presidida na concatedral-basílica pola mañá, o bispo volveu deterse na imaxe dos brazos abertos do Cristo da Vitoria. «Aquí cabedes todos», expresou, describindo unha cidade na que teñen cabida os mozos que buscan un horizonte, os homes e mulleres do mar, quen chega desde outros países en busca dunha oportunidade, as persoas enfermas, quen vive a soidade, quen atravesa dificultades económicas ou quen dedica silenciosamente a súa vida ao coidado dos demais. Nos brazos de Cristo —subliñou— ninguén queda excluído.

A continuación, convidou aos presentes a fixarse na mirada do Señor. Unha mirada que, afirmou, non só consola, senón que tamén interpela. «E ti… cara a onde miras?», preguntou, animando a non afacerse ao sufrimento alleo nin a permanecer indiferentes ante as necesidades dos irmáns. Facendo súa a invitación tantas veces repetida polo papa León XIV, exhortou a todos a «alzar a mirada»: primeiro cara a Cristo, para descubrir o seu amor; despois cara a quen camiña ao noso lado, especialmente os máis fráxiles, porque neles continúa esperándonos o Señor.

Na parte final da súa oración, monseñor Antonio Valín lembrou que a vitoria do Cristo non foi impoñerse pola forza, senón vencer mediante o amor, o servizo e a entrega. Por iso, engadiu, a procesión non conclúe cando a imaxe regresa á concatedral-basílica, senón que continúa cada vez que un cristián abre os brazos para acoller, ofrece consolo ao que sofre ou tende a man a quen máis o necesita. Antes de despedirse, pediu ao Santísimo Cristo da Vitoria que permanecese onda Vigo e que ensinase aos seus habitantes para mirar como El, para que a cidade siga sendo coñecida non só pola fondura da súa devoción, senón tamén pola profundidade da súa caridade.

Tras o canto emocionado do himno ao Cristo da Vitoria, a venerada imaxe regresou lentamente á concatedral-basílica de Santa María. A procesión terminara, pero a mensaxe que o bispo deixou resoando en Porta do Sol continuaba aberta: alzar a mirada cara a Cristo para aprender a mirar aos demais. Quizais por iso, ano tras ano, Vigo volve saír ao seu encontro. Porque hai imaxes que non só percorren as rúas dunha cidade; percorren tamén a memoria, a fe e a esperanza de todo un pobo.

Procesión del Cristo de la Victoria (2026) | © Diocese de Tui-Vigo
« de 30 »