19 de Abril de 2025,
San León IX

Vinte anos traballando á fronte da secretaría do Tribunal Eclesiástico

Vinte anos traballando á fronte da secretaría do Tribunal Eclesiástico
FOTO.- Humberto González ha estado 20 años trabajando como secretario del Tribunal Eclesiástico | © Diocese de Tui-Vigo

O pasado venres  21 de marzo, as oficinas da curia diocesana situadas no monte da Guía acollían a homenaxe a Humberto González que, durante 20 anos e ata a súa recente xubilación, exerceu como secretario do Tribunal Eclesiástico da diocese de Tui-Vigo. Acompañado polos seus familiares, compañeiros e profesionais que colaboran de forma habitual co tribunal, Humberto regresou ás oficinas do bispado para esta sentida homenaxe.

Durante a celebración, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, entregoulle unha pequena placa conmemorativa coa imaxe do Cristo da Vitoria de Vigo e agradeceu o labor que, durante este tempo, realizou Humberto á fronte da secretaría do tribunal, da que agora se despide debido á súa xubilación.

Sobre a curia diocesana recae o encargo de atender ao bo funcionamento dos aspectos administrativos das parroquias, as delegacións e a diocese en xeral. Isto é posible grazas a un  pequeno grupo de sacerdotes —que compaxinan esta tarefa coas súas outras responsabilidades parroquiais— e a sete profesionais segrares, que contribúen ao correcto funcionamento da administración diocesana, do tribunal e dos medios de comunicación.