Vinte e un matrimonios da diocese de Tui-Vigo renovaron os seus votos matrimoniais arroupados por toda a comunidade diocesana: 1 matrimonio celebrou as súas vodas de diamante; 18, as súas vodas de ouro; 2, as de prata. Esta celebración enmarcada na Xornada da Sagrada Familia —que a Igrexa en España convocou, nesta ocasión, baixo o lema «Familia, fonte de esperanza»— estivo presidida polo bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, no templo parroquial da Inmaculada Concepción en Vigo, o 28 de decembro, ás 18.30 horas.


A través desta eucaristía, a delegación de Pastoral Familiar da diocese de Tui-Vigo, encargada de organizar e promover esta xornada, quixo render homenaxe a aqueles matrimonios que durante este 2024 celebraron as súas vodas de ouro ou prata, porque co seu testemuño de vida compartida pon en valor o sacramento do matrimonio nesta sociedade. Ademais, seguindo o exemplo da Sagrada Familia de Nazaret, convidaron a vivir «o amor e a comuñón en cada unha das nosas familias».



Mons. Antonio Valín lembrou que Deus fíxose home e naceu nunha familia “normal”, na que habería bos e malos momentos. Así, destacou, nun ton próximo e afable, a grandeza dun Deus que se fai home e que nos ensina desde a súa propia vivencia familiar. Tamén se dirixiu aos vinte e un matrimonios que festexaron as súas vodas de diamante, ouro e prata durante a celebración, para felicitarlles e eloxiar o camiño que lograra construír xuntos: un proxecto de vida que se estende a outros, grazas ao Amor que os sostén e que lles axudou a afrontar as diferentes circunstancias da vida.


Este ano 2024, a festa da Sagrada Familia coincidiu coa apertura do Xubileu 2025 convocado polo papa Francisco baixo o lema «Peregrinos de esperanza». Neste contexto, a delegación de Pastoral Familiar subliña que «a familia é o lugar de encontro e apertura, onde a persoa se forma como individuo, pero tamén como membro dunha comunidade. É, por tanto, unha fonte de esperanza nunha sociedade ferida polo illamento, a soidade e a ruptura dos lazos comunitarios».