17 de Xullo de 2026,
Santa Marcelina

Vivir amando, para adorar ao Corpus Christi

Vivir amando, para adorar ao Corpus Christi
FOTO.- Procesión de Corpus en la ciudad olívica | © Diocese Tui-Vigo

xornada do domingo 7 de xuño, fieis de toda a diocese de Tui-Vigo renovaron a súa devoción ao Santísimo Sacramento e deron testemuño público da súa fe. En Vigo, a concatedral-basílica de Santa María acolleu a misa solemne presidida polo bispo tudense, monseñor Antonio Valín. Ao rematar, realizouse a tradicional procesión e a bendición dos mares.

Neste día, no que a Igrexa en España celebra a festa do Corpus Christi, o prelado subliñou que «a nosa adoración non pode quedarse encerrada nas paredes dos templos, nin camiñar só polas rúas adornadas; a nosa adoración ten que facerse entraña, porque a eucaristía que adoramos non é un calmante para a conciencia nin un refuxio para escapar da realidade. É o pan dos que sofren. Comulgar lévanos a mirar de fronte as chagas da sociedade na que vivimos».

Coincidindo coa festa do Corpo e o Sangue de Cristo, a Igrexa en España tamén celebra o «Día da Caridade», nesta ocasión baixo o lema «Elixe amar. Elixe comunidade», que lembra que non podemos cambiar o mundo, pero si podemos elixir como vivir nel. «Elixir amar significa complicarnos a vida polo outro, poñer o noso corpo unido ao de Cristo na humanidade. Elixir comunidade significa rebelarse contra a cultura do descarte. Ou eliximos ser comunidade —nun só pan onde todos nos sostemos—, ou converterémonos en axentes da indiferenza», afirmou monseñor Antonio Valín. Con motivo deste «Día da Caridade», o prelado agradeceu de maneira especial aos voluntarios, traballadores e colaboradores de Cáritas, unha familia que reflicte «esta revolución do amor da que nos fala Cristo-Pan».

O bispo fixo referencia tamén á visita apostólica do papa León XIV a España, que deu comezo esta fin de semana baixo o lema «Alzade a mirada». Ao fío deste acontecemento e desa petición do santo padre, monseñor Antonio Valín declarou que «ese berro úrxenos a levantar a mirada para descubrir a Deus no medio de nós; para mirar aos ollos a tantos irmáns descartados que tantas veces evitamos mirar nas rúas. Non podemos ser cristiáns de mirada baixa ou distraída ante a dor allea; é unha contradición vivente».

Para finalizar, o prelado lembrou aos presentes que «se nos alimentamos do corpo de Cristo, sempre vivo e entregándose para darnos vida, é urxente que o noso corazón latexe polos máis pequenos como fai o seu. Vaiamos aos barrios, ás periferias, aos lugares máis inaccesibles, aos cárceres ou portais de exclusión. Converter en pan que parte e reparte, pan que se comparte con todos! Salgamos decididos a sandar toda ferida, a romper con toda polarización, a tombar os muros da discriminación, a alzar a mirada e xogárnolo todo por elixir amar e elixir comunidade, como fixo aquel a quen hoxe adoramos. Así, só así, a nosa adoración será verdadeira, auténtica».

Nesta festa do Corpo e o Sangue de Cristo, rememórase que Cristo está presente verdadeira, real e substancialmente no pan e o viño consagrado; unha presenza que se prolonga fóra da misa no sagrario. Neste día, a Igrexa tamén celebra o Día da Caridade, baixo o lema «Elixe amar. Elixe comunidade».

Corpus en Tui

Na catedral tudense de Santa María, o bispo emérito de Tui-Vigo, monseñor Luis Quinteiro, presidiu a misa do Corpus Christi. Ao termo, tamén se realizou a tradicional procesión co Santísimo Sacramento polas rúas da cidade que, ao longo deste ano, conmemora o VIII centenario da consagración do templo catedralicio.

Corpus en Ponteareas

Tamén hoxe, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidiu a celebración de Corpus Christi en Ponteareas, durante a cal pediu que, ao recibir o corpo de Cristo, «saibamos alzar a mirada con esperanza e con fe, para mirar a Cristo, para mirar os irmáns aos ollos e descubrir as súas feridas, elixindo cada día amar e crear comunidade. Cristo, feito pan, convídanos a vivir amando, sempre e a todos. Así a nosa adoración a deus será auténtica»

Tras a eucaristía no templo parroquial de San Miguel de Ponteareas, deu comezo a procesión polas rúas da vila que, durante a xornada anterior, os veciños e veciñas engalanaron con 35 tapices florais repartidos por todo o percorrido. 

Corpus en Ponteareas (2026) | © Diocese de Tui-Vigo
« de 13 »

Corpus en Redondela

A parroquia de Santiago de Redondela celebrou, o pasado xoves 4 de xuño, a festa do Corpus Christi. Tamén, neste caso, presidiu a eucaristía o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín. Acompañado da imaxe da virxe María, o Santísimo Sacramento percorreu as rúas da vila, adornadas con alfombras florais.