10 de Febreiro de 2025,
Santa Escolástica

Vixilia de oración polo bispo electo

Vixilia de oración polo bispo electo

Coincidindo coa festa de santo Tomás apóstolo, o mércores 3 de xullo, ás 20.30 horas, no templo parroquial do Corazón Inmaculado de María en Vigo, a diocese de Tui-Vigo está convocada a participar nunha vixilia de oración, que presidirá o bispo e administrador apostólico, Mons. Luís Quinteiro, para interceder polo bispo electo, D. Antonio Valín Valdés.

Nunha mensaxe aos sacerdotes, comunidades de vida relixiosa, asociacións e movementos de laico da diocese de Tui-Vigo, a Vigairía de Pastoral expresa que, mediante esta celebración, «a Igrexa que peregrina en Tui-Vigo quérese unir na pregaria encomendando ao que será bispo. Será unha fermosa expresión de comuñón á que está convidado todo o pobo fiel de Deus». Así, a vigairía anima á participación de toda a comunidade cristiá.

O 25 de maio, a Nunciatura Apostólica en España deu a coñecer o nomeamento do que será o novo bispo de Tui-Vigo: o sacerdote ribadense, D. Antonio Valín Valdés, ata ese momento vigairo xeral da diocese de Mondoñedo-Ferrol.  A ordenación episcopal e toma de posesión está prevista para o sábado 20 de xullo, ás 11.00 horas, na catedral de Tui. Durante este tempo, o papa Francisco designou a Mons. Luís Quinteiro, administrador apostólico de Tui-Vigo.