Onte, a parroquia de Santiago de Vigo acollía unha celebración protagonizada por decenas de mozos e mozas diocesanas: a vixilia da Inmaculada Concepción, organizada polas delegacións de Pastoral Xuvenil e Pastoral Vocacional, a través da cal tamén se festexaba o Día do Seminario —xornada trasladada do 19 de marzo, ao 8 de decembro debido á pandemia do coronavirus—.
O acto comezou ás 19:30 da tarde cunha Eucaristía presidida polo nuncio apostólico en España Bernardito Cleopas Auza, quen acudiu á cidade para celebrar a misa de acción de grazas na Concatedral de Vigo que, o pasado mes de xullo, recibía o título de Basílica Menor por parte do papa Francisco. Xunto ao nuncio apostólico, o bispo de Tui-Vigo, Luís Quinteiro Fiuza, co-celebraba a misa.
Os mozos encargáronse de preparar cada detalle, desde os cantos ata a lectura da Palabra e a creación das peticións, nas que estiveron especialmente presentes as vocacións ao sacerdocio.
O bispo, Luís Quinteiro Fiuza, dedicou unhas palabras aos protagonistas da velada, convidándoos a dar un paso á fronte na Igrexa, na súa vocación, como a Virxe María no momento da Anunciación —cando o anxo Gabriel anúncialle que será a nai de Xesús, fillo de Deus—, cunha resposta firme e comprometida porque «a Salvación do mundo depende da resposta dos mozos ao Señor», explicou o pastor de Tui-Vigo.
Finalizada a misa, os mozos gozaron dun intre de adoración ante Xesús Eucaristía, guiada polo delegado de Pastoral Vocacional, Ángel Carnicero, quen, recollendo a testemuña do bispo de Tui-Vigo, incidiu na importancia de responder á vocación que Deus regala a cada mozo no ámbito concreto da súa vida, xa sexa ao sacerdocio, ao matrimonio ou á misión, seguindo o exemplo da Virxe María.