16 de Marzo de 2026,
San Heriberto

Xa comezaron as presentacións da Programación Pastoral 2024-2025

Xa comezaron as presentacións da Programación Pastoral 2024-2025

O luns, en Vigo, e o martes, en Canedo, o bispo de Tui-Vigo, Mons. Antonio Valín, acompañado polo vigairo de Pastoral, José Vidal, presentou a nova Programación Pastoral para o curso 2024-2025. Ambas as convocatorias, que contaron coa participación de numerosos sacerdotes e fieis dos concellos lindeiros, ofreceron unha gran oportunidade para visibilizar as principais liñas de acción recollidas na carta de inicio de curso escrita polo prelado tudense, que precede á programación das diferentes delegacións e ao calendario de actividades.  

En ambas as ocasións, o prelado tudense expresou que «todo o que figure na Programación Pastoral, todo o que nós poidamos facer a nivel diocesano e a nivel parroquial, sairá adiante co esforzo de todos e de todas: sacerdotes, vida consagrada e laicos». Mons. Antonio Valín tamén lembrou, para este curso, o seu desexo de coñecer os rostros e realidades concretas da diocese de Tui-Vigo: «son consciente de que me sumo a unha diocese que leva unha chea de séculos vivindo e transmitindo a súa fe, anunciando o Evanxeo. Por tanto, eu súmome  para camiñar convosco. Gustaríame coñecervos, saber o que pensades, as vosas dificultades, como vedes a diocese e como vos gustaría que fose… Collendo todo iso, imos ver se, entre todos, podemos levar adiante ese soño para que se converta nunha realidade. Insisto: conto con todos e gustaríame que vós contásedes comigo».

Pola súa banda, o vigairo de Pastoral, José Vidal, explicou que o documento presentado non é unha programación no sentido metodolóxico da palabra, pero si resaltou que o obxectivo principal de calquera programación é anunciar o Evanxeo e iso, de seu, parroquias, delegacións e demais organizacións eclesiais véñeno realizando desde sempre. Ademais, José Vidal tamén subliñou que a Programación é «unha maneira de sentirnos Iglesia, ao recoñecer o que están a facer outras delegacións, outros ámbitos diocesanos», porque o documento reflicte «o esforzo de tantos laicos, sacerdotes, persoas de vida consagrada que dedican o seu tempo para, desde a Igrexa, anunciar a Cristo».

Tras presentar a Programación Pastoral 2024-2025, tomou a palabra o delegado diocesano para o Ano Xubilar 2025, Daniel Goberna, que explicou que, durante este tempo, «non se trata de desenvolver actividades extraordinarias, senón de empapar todas as nosas accións pastorais coa temática do Xubileu». Tamén lembrou que, como preparación para o 2025, o papa Francisco convocou o Ano da Oración, para promover a centralidade da oración individual e comunitaria. Finalmente, anunciou as datas das 4 peregrinacións que se organizarán desde esta delegación diocesana: do 21 ao 24 de xaneiro, do 6 ao 9 de marzo, do 24 ao 28 de xuño —pensada especificamente para bispos, sacerdotes e seminaristas— e do 26 ao 29 de agosto —con carácter un carácter máis interdiocesano—.

A delegación de Medios de Comunicación Social tamén aproveitou a ocasión para presentar a comunidade de WhatsApp da diocese de Tui-Vigo na que, de maneira periódica, publícase a información máis destacada do territorio diocesano. Esta ferramenta garante unha maior privacidade para as persoas que se subscriban, xa que só quen administra a comunidade poden enviar mensaxes e ver cantas persoas conforman a comunidade; isto significa que os números de teléfono non son públicos.

As presentacións por diferentes zonas do territorio diocesano continuarán ata o vindeiro xoves 17 de outubro:

  • Venres 11 de outubro, ás 20.30 horas, nos locais parroquiais do Porriño.
  • Luns 14 de outubro, ás 20.30 horas, no Seminario Maior «San Paio» en Tui.
  • Martes 15 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo de Pías na Ramallosa.
  • Xoves 17 de outubro, ás 20.30 horas, nos locais parroquiais de Redondela.

A Programación Pastoral da diocese de Tui-Vigo para o curso pastoral 2024-2025 está marcada pola chegada do novo bispo, «un motivo de gozo que suscita a esperanza dunha renovación ilusionante e dun rexuvenecido impulso evanxelizador», subliña a nota previa. Así, lémbrase que «ao longo do presente curso, cada arciprestado ou organismo diocesano, cumprirá con as actividades ordinarias que lle son propias e, sobre todo, asumirá como tarefa principal establecer co bispo unha relación cordial que lle permita coñecer ás persoas, proxectos e accións que están a realizar».

Presentación de la Programación Pastoral 2024-2025 en Canedo | © Diocese de Tui-Vigo
« de 20 »