12 de Abril de 2026,
San Julio I

Xa comezou un novo ciclo de «Ágora»

Xa comezou un novo ciclo de «Ágora»
FOTO.- Inauguración de «Ágora: escuela de formación teológica, ministerios y servicios» | © Noelia Reyes

O Seminario Maior «San Xosé» de Vigo acolleu, o 1 de outubro, a inauguración dun novo curso de «Ágora: escola de formación teolóxica, ministerios e servizos», que ofrece unha formación teolóxica baseada nun modelo básico, sistemático e integral de ensino. O acto de inauguración, que iniciou cun pequeno intre de oración, contou coa presenza do bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, que agradeceu o interese e a participación dos alumnos: «alégrame unha chea que isto saia adiante e que, quen xa acabastes o voso ciclo formativo, sigades mostrando interese por profundar en novas cousas».

Durante a súa intervención, o prelado tudense subliñou que «cada vez é máis difícil dar razón da nosa fe nunha sociedade na que todo está a cambiar dunha forma vertixinosa e na que, ás veces, o que cremos e pensamos é unha novidade».  Neste sentido, convidou os alumnos deste novo curso de Ágora a estudar, ler e profundar nunha formación que, máis aló do intelectual, «tennos que servir para un maior compromiso de fe, para un maior entender a Palabra de Dios e mesmo para unha mellor e maior oración».

José Vidal, vigairo de Pastoral da diocese de Tui-Vigo, agradeceu a enorme acollida que, desde o ano 2021, tivo «Ágora: escola de formación teolóxica, ministerios e servizos», chegando a sumar preto de 70 persoas rexistradas durante o pasado curso. Tras a formación recibida, en novembro do pasado ano, unha vintena de persoas recibiron os ministerios laicais do lectorado e do acolitado. O vigairo de Pastoral xa anunciou que a idea será continuar coa institución destes ministerios, aínda que lembrou que «un ministerio laical non é unha honra que un recibe, se non un servizo que se encomenda; non é un dereito que un poida esixir, se non unha chamada que a Igrexa fai a través das persoas e institucións que se recoñecen como Iglesia».

En 2021, a escola diocesana de formación Ágora tomou impulso redefiníndose como unha «escola de Teoloxía, ministerios e servizos», co obxectivo formar a todas as persoas que queiran profundar nos seus coñecementos teolóxicos e, de maneira específica, a aquelas persoas que realizan, ou desexan realizar, algún servizo ou ministerio dentro da comunidade cristiá —persoas que exercen o acolitado, o lectorado, a animación litúrxica, o voluntariado, etc., así como catequistas ou outros axentes de pastoral—.