O delegado para o Xubileu 2025 da diocese de Tui-Vigo, Daniel Goberna, xa fixo pública a información relativa ás catro peregrinacións diocesanas que se levarán a cabo con motivo do Ano Xubilar, que se celebrará en Roma baixo o lema «Peregrinos de esperanza ». Cada peregrinación terá un número de prazas limitadas —ao redor de 40 persoas— e as persoas que queiran inscribirse ou solicitar información poden facelo a través do correo info@travelmakers.es ou do número de teléfono 986 913 051.
O prezo das peregrinacións oscila entre os 790 e os 1.170 euros por persoa, en función do mes no que se desexe participar. En todos os casos, os prezos inclúen cuarto dobre en réxime de media pensión, así como o traslado en avión desde Vigo a Roma con escala en Madrid. As datas son as seguintes:
- Do 21 ao 24 de xaneiro: 790 euros, con aloxamento en Casa San Xoán de Ávila.
- Do 6 ao 9 de marzo: 890 euros, con aloxamento no Hotel Caravel.
- Do 24 ao 28 de xuño (pensada especificamente para sacerdotes, bispos e seminaristas, aínda que as prazas sobrantes poñeranse ao dispor do público en xeral): 1.140 euros, con aloxamento en Grand Hotel Olimpic.
- Do 26 ao 29 de agosto (peregrinación interdiocesana coas demais dioceses de Galicia): 1.170 euros, con aloxamento en Casa Bonus Pastor.
Ademais destas peregrinacións organizadas pola diocese de Tui-Vigo, algunhas delegacións diocesanas organizarán peregrinacións específicas para celebrar o Xubileu do seu ámbito pastoral concreto —como pode ser o Xubileu dos enfermos, en abril; o das familias, a finais de maio; ou o da mocidade, a finais de xullo—. A información relativa a estas peregrinación actualizarase na medida en que se vaian cerrando as datas.
O Xubileu foi sempre un acontecemento de gran importancia espiritual, eclesial e social na vida de la Iglesia. Desde que Bonifacio VIII instituíu o primeiro Ano Santo en 1300 —con cadencia de cen anos, que despois pasou a ser segundo o modelo bíblico, de cincuenta anos e ulteriormente fixado en vinte e cinco—, o pobo fiel de Deus viviu esta celebración como un don especial de graza, caracterizado polo perdón dos pecados e, en particular, pola indulxencia, expresión plena da misericordia de Deus. Os fieis, xeralmente ao final dunha longa peregrinación, acceden ao tesouro espiritual da Igrexa atravesando a Porta Santa e venerando as reliquias dos Apóstolos Pedro e Paulo conservadas nas basílicas romanas. Millóns e millóns de peregrinos acudiron a estes lugares santos ao longo dos séculos, dando testemuño vivo da súa fe perdurable.