O pasado 5 de xullo, ás 12.00 horas, decenas de veciños e veciñas de Salceda de Caselas achegáronse ao número 12 da rúa Vigo, para participar na primeira misa oficiada na nova capela do Cristo das Angustias, que pertence á parroquia de Santa María de Salceda. A celebración, na que participaron numerosos sacerdotes diocesanos, estivo presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín.
Desde entón, a capela permanece aberta de luns a domingo en horario de 09.00 a 21.00 horas, para quen desexe facer un intre de oración e ademais, todos os venres, celébrase a misa, ás 20.30 horas en horario de verán e ás 19.30 horas, no inverno. Así, a parroquia de Santa María de Salceda de Caselas conta agora cun novo espazo no centro urbano, para complementa a actividade pastora que, desde hai anos, desenvólvese na igrexa parroquial.
O proxecto foi dirixido polo arquitecto Xosé Ceferino Castro Martínez. No que artístico, conta con dúas imaxes talladas en madeira, unha da virxe e outra dun Cristo, obras do tallista Kiko Vieitez. A capela, de máis de 300 metros cadrados, tamén dispón de espazos de traballo para o desenvolvemento da actividade pastoral da parroquia de Santa María de Salceda.
Debido ao crecemento poboacional que experimento Salceda nos anos 90, unha familia natural da parroquia doou un terreo para construír unha capela que dese servizo á zona, que foi expropiado polo concello para construír o actual parque Raiña Aragonta. Co diñeiro cobrado da expropiación, no ano 2020, a diocese de Tui-Vigo adquiriu un baixo situado no número 12 da rúa Vigo.




