Desde o pasado mércores 3 de agosto, o Museo Diocesano de Tui, situado no antigo Hospital dos Pobres e Peregrinos, na praza do Concello, reabriu as súas portas ao público que poderá coñecer máis de preto o patrimonio cultural que alberga no seu interior. As visitas, que conlevan un donativo de 1€, poderán realizar de luns a venres. en horario de mañá, de 11 hrs a 14 hrs, e tarde, de 18 hrs a 20 hrs.
Das obras que se poden visitar no interior do museo, destacan os 14 Sambenitos —10 dos cales son orixinais, mentres que os 4 restantes son copias cuxos orixinais están no Museo Catedralicio— atopados nos anos 80. Ademais, o Museo ofrece un percorrido pola historia con pezas datadas a. C. —por exemplo, un casco celta dos séculos III-II a. C. atopado en Caldelas—, pasando por outras vinculadas á cultura xudía do século XVII —como a cruz parroquial do Porriño deseñada polo prateiro João de Sousa—.
Desde decembro do 2019, a diocese de Tui-Vigo traballa para unificar este Museo Diocesano que agora reabre as súas portas e o Museo Catedralicio nunha única institución capaz de crear unha narrativa na que as obras expostas axuden a comprender o contexto histórico, o Conxunto Catedralicio, os vínculos con Portugal e a temática da evanxelización na Diocese, estendida máis aló das súas fronteiras. As obras para mellorar a accesibilidade e a rehabilitación das cubertas do claustro como doutras zonas da catedral foron anunciadas o pasado mes de xuño polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.