5/12/2022

,

San Sabas
5/12/2022

,

San Sabas

Xornada Interdiocesana de Pastoral Xuvenil

Xornada Interdiocesana de Pastoral Xuvenil

O vindeiro sábado, 22 de outubro, ás 11 horas, no colexio San Xosé de Cluny da cidade de Vigo, as delegacións de Pastoral Xuvenil da provincia eclesiástica de Galicia organizan unha Xornada Interdiocesana baixo o lema «Da PEJ á JMJ», para todos os mozos a partir de catorce anos e os axentes de pastoral que habitualmente traballan no ámbito da mocidade, xa sexa en parroquias, delegacións ou colexios. Os interesados en participar poden inscribirse a través da seguinte ligazón.

O programa previsto para esta Xornada Interdiocesana inclúe momentos de formación, animación e celebración, nos que estarán presentes os bispos de Galicia; neste sentido, Mons. Luís Quinteiro, prelado de Tui-Vigo presidirá a eucaristía con todos os mozos na capela do colexio, ás 18 horas, para concluír a xornada. Ademais, durante todo o día estará presente Mons. Américo Alves Aguiar, bispo auxiliar de Lisboa e responsable da Fundación JMJ, encargada da organización da Xornada Mundial da Mocidade en Lisboa en agosto de 2023.

Tras a benvida e a charla inicial impartida por Mons. Américo, os participantes poderán participar nun de diversos talleres que se están preparando para a ocasión, que contemplan formación en iniciativas de Nova Evanxelización, no ámbito afectivo-sexual ou na pastoral vocacional. Durante a tarde, haberá tempo para escoitar experiencias doutros mozos que asistiron como voluntarios á Peregrinación Europea da Mocidade ou como peregrinos a algunha Xornada Mundial da Mocidade.

O obxectivo desta Xornada Interdiocesana de Pastoral Xuvenil da provincia eclesiástica de Galicia é atoparse novamente despois da PEJ e traballar en «ir axuntando esforzos» pois non é a primeira vez que se realiza unha xornada deste tipo —cada ano, vaise rotando por distintos puntos de Galicia—. O padre Abel Piñeiro, CMF, subdelegado de Pastoral Xuvenil e Universitaria da diocese de Tui-Vigo explica que «estamos a vivir un novo tempo que non nos podemos perder. Nos últimos anos, estivemos traballando en ir sumando esforzos de parroquias, colexios, etc. para facer diocese ao longo do curso, pero sabemos que temos que facelo coas outras dioceses de Galicia e de aí a importancia de asistir a este Xornada: saír da comodidade de casa e vir propor o que temos para enriquecelo».

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp