Do 25 de febreiro ao 1 de marzo, o concello de Tui convoca a cuarta edición das Xornadas Rosendo Salvado 2025. Lembrando a data do seu nacemento, o 1 de marzo de 1814, as xornadas reunirán na cidade a diversos especialistas na vida e obra do beneditino tudense e fundador da abadía de Nova Nursia en Australia occidental. O programa inclúe varias conferencias, unha proxección audiovisual e un paseo “Salvadiano”.
As xornadas inauguraranse coa conferencia «A viaxe infinita de Rosendo Salvado» a cargo de Valentín Carrera, o martes 25. Ao día seguinte, mércores 26, Xoán M. Carreira e Maruxa Baliña impartirá o relatorio «Salvado e a Sociedade Filharmónica de Perth». Ambas as citas darán comezo ás 19.30 horas no espazo rúa Camilo J. Cela.
O xoves 27, os actos trasládanse á Casa de Galicia de Madrid (Moreto 6, Retiro) para estrear a serie documental «Rosendo Salvado, aventura e misión dun galego en Australia», dirixida por Valentín Carrera.
Finalmente, o sábado 1 de marzo, ás 11.30 horas, organizouse un paseo “Salvadiano”, que dará comezo na praza de San Fernando. Ás 12.30 horas, colocarase unha coroa de loureiros na casa natal do frade tudense, situada na rúa Bispo Salvado.