Coa celebración da misa da Cea do Señor, o Xoves Santo, a Igrexa comeza a celebración do Triduo Pascual, para revivir os últimos momentos da vida de Xesús: a súa paixón, morte e resurrección. Onte, a catedral tudense de Santa María de Tui acolleu esta celebración presidida polo bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, na que se rememorou a institución da Eucaristía e a entrega de Cristo que, amando «ata o extremo», faise servidor dos demais.
Desde o inicio da Coresma, o bispo de Tui-Vigo convidou aos fieis da diocese a vivir estes días dende a contemplación, entrando de cheo nos sentimentos e as palabras de Xesús. Así, destacou que toda a vida de Cristo «foi unha progresiva manifestación do amor de Deus que se fixo realidade concreta en cada persoa e en cada encontro. Neste día, chega á súa plenitude. Xesús, coas súas palabras e xestos, dinos que Deus é amor, que el nos amou primeiro —e esta é a razón de toda a nosa existencia: ese amor e ese mandato de amar—. No seu fillo, morto e resucitado, dános a proba máis palpable do seu amor á humanidade. É un amor real, actual, ata o extremo, porque nin ten límites nin pon condicións».


O mandamento do amor cómprese no lavatorio de pés, un xesto elocuente co que Xesús nos explica que «quen ama de verdade sabe que ninguén é máis que outro, que todos somos dignos e acollidos», afirmou o bispo. «O lavatorio convídanos a ver a realidade desde abaixo, desde os pequenos detalles e xestos da vida —que son tan importantes—. Xesús amounos ata o extremo desde abaixo, á nosa altura, para que nós aprendésemos a mirar desde aí», lembrou o prelado.
A última cea de Xesús cos seus discípulos é un anticipo do que vai suceder na Paixón. Neste sentido, monseñor Antonio Valín subliñou que, «co pan e o viño —corpo e sangue—, Cristo dáse totalmente: pártese, repártese e compártese. No pan e o viño faise anacos que nos fan entrar en comuñón. Comulgar non é un acto de piedade; é unha necesidade para deixarnos amar polo Deus feito home, para entrar en comuñón con el e cos irmáns».


Tal e como expresou o bispo, «a eucaristía e o lavatorio, dúas caras da mesma realidade, fálannos de acoller a cada un coa nosa propia historia persoal. Coas nosas miserias e pecados, pero todos convidados a sentarnos á mesa e a ser lavados por Xesús. Tamén nos fala de facer o mesmo. Somos chamados, persoal e eclesialmente, a unha transgresión profética; a subverter os valores que non axudan a crear comunidade; a romper esquemas xerárquicos de poder; a denunciar calquera tipo de abuso nas nosas relacións; e a anunciar que Deus está sempre abaixo, acolléndonos, descalzos e vulnerables, amándonos ata o extremo. Esa é a auténtica revolución da historia. Esa é a civilización do amor».
O Xoves Santo é tamén coñecido como o Día do Amor Fraterno e, por iso, a colecta desta xornada é destinada a Cáritas, a quen o bispo tamén dedicou unhas palabras: «hoxe é de xustiza pensar nos voluntarios que gratuíta, xenerosa e silenciosamente lavan os pés aos irmáns vulnerables».
Durante a celebración, monseñor Antonio Valín puido imitar a Cristo no lavatorio de pés cun grupo de oito fieis que subiron ao presbiterio. Neste acto de humildade, recordamos as palabras de Cristo: «non vin para ser servido, senón para servir».


Como é costume, ao terminar a Eucaristía, o bispo levou nas súas mans a reserva da Eucaristía, ata o Monumento instalado na capela do Santísimo. En profundo silencio, os fieis achegáronse ao Monumento para culminar a celebración da eucaristía cun tempo de oración ante o sagrario.
Finalizada a eucaristía, o bispo de Tui-Vigo participou na procesión do Señor no Horto das Oliveiras que saíu da capela da Misericordia e percorreu as rúas do conxunto histórico de Tui.Ás 23.00 horas, tamén asistiu á Hora Santa que se celebrou no templo catedralicio.


Hoxe, venres 18 de abril, ás 18.00 horas, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, presidirá o oficio da Paixón do Señor na concatedral-basílica de Santa María en Vigo. Previamente, visitará os lugares da exposición orante dos pasos de Semana Santa: o templo parroquial de Santiago de Vigo e o Centro Integral de Inclusión e Emerxencia Social de Vigo (CIIES) —na rúa Marqués de Valterra—. Pola súa banda, o bispo emérito, monseñor Luís Quinteiro, que onte celebrou o Xoves Santo en Vigo, presidirá, hoxe ás 19.30 horas, o oficio da Paixón na catedral tudense.