A Concatedral-Basílica de Santa María en Vigo acolleu onte a celebración da cea vespertina do Señor presidida polo bispo Luís Quinteiro, co aforo completo e unha vintena de espectadores que se uniron a través da canle de Youtube da Diocese.
O Xoves Santo a Igrexa conmemora a Última Cea de Xesús cos seus discípulos na que institúe a Eucaristía. Así o lembrou onte o bispo Luís Quinteiro durante a súa homilía na que explicou que «a eucaristía é a fonte e o cume da vida cristiá, o memorial perpetuo da entrega de Xesús. Por iso temos que sentir o gozo de poder celebrala». Para que isto sexa posible, na Última Cea, Xesús dá aos apóstolos a misión de perpetuar a fracción do pan, instituíndo deste xeito, o sacerdocio.
Pero nada disto tería sentido a entrega dun novo mandamento: o mandamento do amor fraterno que, tal e como expresou o bispo de Tui-Vigo, constitúe «o signo máis radical de servizo aos demais, presente no misterio da Igrexa que é abrirse aos irmáns. Isto non é un estilo. É a súa misión». Con estas palabras exhortou aos presentes para «recuperar a ilusión da misión» para crear unha Igrexa aberta ao mundo.
Este signo de entrega e amor alcanzará a súa plenitude hoxe, Venres Santo, día no que a Igrexa fai memoria da Paixón de Cristo. Desde a Diocese animamos a vivir con intensidade este misterio da Cruz que nos prepara para a Pascua, preferentemente, nas parroquias de referencia. En caso de non ser posible por problemas de saúde ou mobilidade, poderá seguirse a través da canle de Youtube a celebración presidida polo bispo na Concatedral-Basílica ás 18:30 horas.