O 27 de xaneiro, ás 10:00 horas, na casa diocesana de exercicios espirituais, Via Lucis, en Santiago de Compostela, o secretariado interdiocesano de Pastoral da Saúde de Galicia organiza a XXVI Xornada de formación de Capeláns (SIPS). Os interesados en participar poden inscribirse, antes do 23 de xaneiro, a través da delegación diocesana de Tui-Vigo, enviando un correo electrónico a: saude@diocesetuivigo.org —hai posibilidade de inscribirse tamén ao xantar—.
Enmarcada no contexto do Ano Xubilar 2025, que o papa Francisco convocou baixo o lema «Peregrinos de esperanza», as delegacións de Pastoral da Saúde convocan este encontro formativo que contará coa presenza do delegado episcopal de Enfermos e Maiores da arquidiocese de Valencia, Luís Sánchez Ruíz, para impartir dous relatorios: pola mañá , «Xubileu 2025 e enfermos: Testemuños de esperanza» e, pola tarde, «Futuro da atención hospitalaria. A memoria da actividade pastoral do Servizo de Atención Relixiosa nos hospitais: un instrumento para a evanxelización».
Ademais dos espazos de formación, a xornada tamén será unha oportunidade para presentar outras accións, como a Campaña do Enfermo 2025 ou as propostas para celebrar o Xubileu nas diferentes dioceses galegas.