21 de abril de 2024

,

San Anselmo
21 de abril de 2024

,

San Anselmo

Maior, pero non parvo

Maior, pero non parvo
Foto: Revista Humanitas (Chile)

Nunha sociedade na que cada vez con maior insistencia se practica o idadismo –o desprezo e a invisibilidade das persoas maiores–, o Papa Francisco, aos seus oitenta e seis anos de idade, estanos a dar un exemplo claro de que unha cousa son as modas e a sobrevaloración da mocidade e das persoas adultas, e outra ben distinta a realidade cotiá. E así namentres en medios e redes se insiste en calar a voz das persoas maiores, o Papa segue a erguer, alta e clara, a súa voz para, de xeito profético, denunciar o engano desta sociedade consumista, acelerada, enrocada sobre si mesma e namorada de si mesma que, a modo dun novo narcisismo, fai oídos xordos a todo canto non sexa a adulación do eu, ben pola cantidade de likes recibidos, ben pola saturación de produtos de consumo á mocidade dirixidos.

Mesmo dentro da Igrexa estase a dar un dobre movemento fronte a esta coherencia e vitalidade na palabra e nos feitos do Papa. Por unha banda aqueles grupos nada afíns ao maxisterio de compromiso social e volta ao Evanxeo no que tanto insiste Francisco degoiran que non dure moito. Pola outra banda cuestiónase a falta de arranque para non avanzar de vez nas reformas da Igrexa. Este dobre movemento, presente en medios e redes, pon de manifesto que algo leva facendo ben o papa nestes dez anos como Pastor da Igrexa Universal.

Fronte a este dobre desafío, Francisco nin perde o horizonte cara onde camiña nin deixa de mirar aos lados, tendendo a man para acoller a quen vai quedando nas beiras do descarte no mundo de hoxe: migrantes, maiores, crianzas -o tema dos abusos non é para el unha mirada de indiferenza, ao contrario- e os problemas da Casa común, tan sufrinte e precisada de bálsamos que curen a desfeita polo afán da ganancia e a obtención de resultados económicos por riba de todos os seres vivos presentes nela. E se o silencio sempre é cómplice, a palabra dita en voz alta e sen encubrir a ninguén, convértese en motor de cambio e transformación nun mundo global, con problemas, situacións e temáticas tamén globais. Un mundo no que cristiáns e cristiás non podemos ter actitudes espiritualistas -que non espirituais-, que non pisan chan e só miran cara ao ceo. A nosa presenza, a nosa palabra, a nosa coherencia de vida e máis o noso actuar teñen que ser sinais de identidade coas que mostremos a fidelidade ao proxecto de salvación de Deus. O Deus que non exclúe nin afasta, ao contrario: acolle e urxe a “facer lío”.

A palabra de Francisco na Xornada Mundial da Xuventude de  Lisboa móstranos como ao papa non o calan nin as ameazas de cisma e ruptura que desde unha das bandas se pregoan, nin tampouco as présas ás que os da outra banda o urxen para arramplar con todo e comezar de cero. Entre uns e outros, Francisco chama á mocidade a non deixarse engaiolar polos cantos de serea do consumismo e a banalidade que os vai envolvendo no espellismo dunha vida que, antes ou despois, acaba levando ao baleiro interior e ao desacougo persoal e social. Os problemas do mundo off line -soidade, falta de sentido, sufrimento e depresión- vanse estendendo en todas as franxas de idade. E diante do anonimato masificado tan de moda neste noso tempo, insiste Francisco en que todas e todos nós, mocidade e non mocidade, fomos chamados polo noso nome, nunha determinada terra e cultura, para invitarnos a dar sentido, compromiso e fondura a toda vida, a todas as vidas. Ninguén é algo. Todas e todos somos alguén.

Nas palabras que Francisco vai pronunciando a autoridades, mocidade, bispos e Pobo de Deus en xeral agroma a convicción de que a esperanza é posible neste océano, moitas veces bravío, polo que nós navegamos.

O próximo Sínodo da Sinodalidade convídanos a ensanchar a tenda para superar eses prexuízos que tantas veces, ás persoas crentes, nos teñen levado a separar, afastar, expulsar, condenar ou excomungar a quen non pensa, fala, vive ou actúa coma nós queremos que o faga. Ensanchemos logo a tenda, e non teñamos nunca medo de alongala tanto como precisemos!

E isto dínolo unha persoa que, na sociedade idadista, estaría fóra dos parámetros de quen só busca followers.

Clodomiro Ogando Durán

Centro Teolóxico S. Xosé de Vigo

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp