12 de diciembre de 2024

,

Nuestra Señora de Guadalupe
12 de diciembre de 2024

,

Nuestra Señora de Guadalupe

Nos corenta anos da «Laborem exercens»

Nos corenta anos da «Laborem exercens»
Foto: Portada de la Laborem Exercens, de la editorial San Pablo.

Publicado en el Faro de Vigo el 20 de septiembre de 2021.

O catorce de setembro de mil novecentos oitenta e un, Xoán Paulo II asinaba o que sería o seu primeiro texto de carácter social. Un documento que, entrando de cheo na Doutrina Social da Igrexa, converteuse no gran referente da teoloxía do traballo. Estoume a referir á encíclica Laborem exercens, na que o papa aborda a gran cuestión do traballo con todas as súas ramificacións. Pero non calquera traballo, senón o traballo digno, humanizador e ao servizo das persoas e das sociedades xustas.

A publicación da Laborem exercens supuxo a aparición de ensaios, artigos, libros, relatorios e xornadas de estudo sobre os seus contidos. Deste xeito, pasou a ser non só un documento para quedar e ser estudado e explicado ao interno da Igrexa por teólogos e profesores, senón que conseguiu traspasar as portas da “ecclesia”, para converterse nun texto universal, acollido con moito interese por traballadores, organizacións sindicais, clase política, activistas sociais e estudosos do tema.

A reivindicación do traballador como centro da cuestión do traballo cobra hoxe relevancia crucial, cando o neoliberalismo individualista pon os intereses e a ganancia por riba de quen o realiza.

Pensemos o que a publicación da encíclica supuxo naquel contexto de comezos dos anos oitenta, cando as políticas neoliberais de Margaret Thatcher e Ronald Reagan, parecían abranguer todos os recunchos dunha sociedade que asistía á privatización das empresas públicas e ao comezo do desmantelamento do sistema social e das súas políticas propiciado polo chamado “Estado de benestar” e que evitaron a desigualdade e empobrecemento da parte máis débil do mundo do traballo. Nun contexto tal, a encíclica do papa foi unha denuncia de todas as zonas de sombra que os grandes capitais foran xerando desde o que se chamou a “crise do petróleo” do ano mil novecentos setenta e tres, onde por vez primeira unha realidade ata aquel momento, alomenos en occidente, agochada aos ollos da maioría da cidadanía, mostrou con toda a súa crueza a faciana máis dura: o paro. Homes e mulleres, que por mor dun desenvolvemento con pés de barro do capitalismo neoliberal, quedaban abandonados nas beiras dunha sociedade cada vez máis competitiva e individualista.

Buscando iluminar desde criterios antropolóxicos personalistas e cunha perspectiva social comunitaria, o texto do papa reclama a dignidade do traballo como medio de realización persoal e de aportación ao tecido comunitario. Desde aquí, Xoán Paulo II reivindica a necesidade do asociacionismo sindical como medio a través do cal a clase traballadora demande os seus dereitos e se descubra como alguén, fronte ao algo á que a quería reducir un sistema que só busca logros, sen importar nin as consecuencias nin as persoas que van quedando polo camiño. Asemade, cuestións como salario xusto, dereito a vacacións e tempo de lecer, contratos de traballo dignos e que ofrezan estabilidade vital, condicións que fagan do traballo e das persoas que o realizan dimensión de crecemento persoal e social desde onde poder constituír sociedades abertas, plurais e verdadeiramente solidarias… convértense en eixes nos que o documento se vai desenvolvendo.

E todo desde unha espiritualidade do traballo que fai da persoa alicerce desde o que sentir que só a través e por medio do traballo é posible concretar a misión evanxelizadora do evanxeo, que chama a estar no mundo en actitude sempre proactiva.

Benia a estes corenta anos da Laboren exercens!

Clodomiro Ogando.

Instituto Teológico de Vigo.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp