10 de diciembre de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida
10 de diciembre de 2024

,

Santa Eulalia de Mérida

Predicade o Evanxeo

Predicade o Evanxeo
Foto: Banco de imágenes gratuito © Pexels.

Publicado en Faro de Vigo o 24 de marzo de 2022.

Sorprendíanos o papa Francisco o 19 de marzo, día de S. Xosé, coa publicación da “Constitución Apostólica sobre a curia romana e o seu servizo á Igrexa no mundo” que entrará en vigor o cinco de xuño, na festa de Pentecostes. Un texto moi agardado, que comeza a dar os seus primeiros pasos alá polo 2013.

A publicación da Constitución Apostólica vén confirmar, unha vez máis, que o espírito xesuítico de Francisco, guiado pola constancia, a perseverancia e o convencemento, non se deixa domear nin polas dificultades nin polos atrancos que aparecen no camiño.

Se nos mergullamos na lectura, atopamos, contra o que se puidera agardar dun texto deste xénero, unha elaboración de fondura teolóxica, doado de ler e comprender, e enchoupado polo espírito do Concilio Vaticano II, ao que non deixa constantemente de citar e aludir. Os eixes desde os que se quere desenvolver albíscanse xa desde o comezo: a insistencia na necesidade que a Igrexa ten de ser sempre misioneira, samaritana, sinodal. A partires de aí, e desde a súa estrutura poliédrica, converterse nunha verdadeira Igrexa en saída: descentralizada, inculturada e atenta aos sinais dos tempos, máis laical e disposta ao diálogo. Toda unha proposta desde a eclesioloxía conciliar de comuñón e ao servizo das persoas máis vulnerables e necesitadas.

A constitución divídese en once apartados, nos que se recollen a nova fundamentación e aplicación, en clave teolóxico pastoral, dun texto canónico. Pero quizais o que máis pode chamar a atención é a reorganización que fai dos Dicasterios –o equivalente aos ministerios na estrutura dun goberno– que deixa en dezaseis. Neles vai presentando o que viñan sendo as insistencias dos seus nove anos de pontificado, moi presentes no seu maxisterio: colexialidade episcopal, descentralización, importancia dos segrares na participación e responsabilidade das tarefas eclesiais, protección dos menores e das persoas vulnerables. Unha Igrexa con corazón.

Cun talante verdadeiramente novidoso destaca a importancia da presenza da muller nos órganos de poder e participación da Igrexa, para promover a desclericalización e mesmo desterrar o carreirismo curial, impoñendo, como unha das formas de evitalo, a temporalidade de cinco anos, ao remate dos que se ha volver á Igrexa particular de orixe. Novidosa tamén resulta a indicación de que quen traballa na curia desenvolva tamén o coidado pastoral, alentando a unha espiritualidade misioneira do coidado e do servizo.

Centrando esta achega xa nalgúns Dicasterios, resaltamos, como aspecto non menor, que o Dicasterio para Evanxelización sexa presidido directamente polo Romano Pontífice, querendo indicar deste xeito o seu oficio de Pastor, comprometido coa evanxelización, por riba do de Xefe de Estado.

Non é menor a aposta por incluír o compromiso real e sincero da loita contra a pederastia, ao englobar dentro do Dicasterio para a Doutrina da Fe, a Comisión Pontificia para a Protección do Menor (art.78), tendo como cometido establecer directrices que protexan aos menores e ás persoas vulnerables dos abusos sexuais. É este un tema con moitos espiños e ao que non sempre se lle viñera tratando coa atención, o esforzo e as disposicións canónicas que esixía.

Nesta sensibilidade papal polos pobres como opción fundamental de toda evanxelización, a nova denominación do Dicasterio da Caridade é unha mostra de que o traballo cos pobres ten que ser un compromiso real, transformador e verdadeiramente solidario por parte da Igrexa. O mesmo que no Dicasterio dos Leigos, Familia e Vida, que, no artigo 131, en clara comuñón coa exhortación Amoris laetitia, manifesta que é tarefa do Dicasterio afondar na reflexión sobre a reciprocidade, complementariedade e igual dignidade na relación home–muller; á vez que opta por unha pastoral que propoña modelos de acompañamento, formación de conciencia e integración das persoas divorciadas e voltas a casar.

Profética e esperanzadora foi a constitución do Dicasterio para o Fomento do Desenvolvemento Humano Integral o 17 de agosto de 2016 e que marcou o que viña sendo e continuou a ser unha constante no seu maxisterio pastoral. A promoción da persoa e da súa dignidade, xunto coa importancia e compromiso na defensa dos Dereitos humanos e o coidado da Casa Común, ao lado da preocupación polas persoas refuxiadas e migrantes fan deste Dicasterio o corolario dunha Igrexa que, desde o servizo ao mundo, pon a mirada no evanxeo para que ninguén quede nas marxes e as persoas sempre sexan o centro..

Recendo de Laudato si e Fratelli tutti que ten servido para que Francisco sementara. Correspóndenos agora a toda a Igrexa, non só á Curia, termar da semente para que dea os mellores froitos!

Clodomiro Ogando Durán

Instituto Teolóxico de Vigo.

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp