19 de abril de 2024

,

San León IX
19 de abril de 2024

,

San León IX

Unha sinodalidade a empelóns

Unha sinodalidade a empelóns

Será porque xa levo moitos anos sentíndome Igrexa a pesares dos ecos que me chegan de preto e de lonxe; será porque xa fun aprendendo a ler no pequeno xesto, na palabra escollida ou na nota a pé de texto. Si, será por todo isto, ou mesmo  por moitas máis cousas, pero a min a exhortación postsinodal, “Querida Amazonía” que ven de publicar o Papa non me desgusta, non me desesperanza nin tampouco me desilusiona. E eu si creo que corren bos tempos para o compromiso da Igrexa para co mundo, e os seres vivos que vivimos nela, como para o compromiso da Igrexa co Evanxeo e a renovación.

Francisco di no documento – de trinta e sete páxinas, cento once números e cento corenta e cinco notas ao pé – cunha linguaxe clara, e non por iso falta de rigor académico e pastoral, que quere compartilo con todos e todas, sen exclusións nin tentacións apoloxéticas. Un agasallo para quen queira acollelo e compartilo, en liberdade. É un documento do maxisterio teolóxico pastoral. Nel fainos partícipes do seu soño en catro tempos: social, ecolóxico, cultural e eclesial, a moda dun poema de compromiso social, cos pés na terra, nunha mirada ao corazón das persoas facendo do plan de Deus vida acollida e permanentemente renovada. Catro tempos entrelazados e que nos van levando en continuidade polos vieiros da antropoloxía, o compromiso co coidado da Casa común – en clara simbiose coa encíclica Laudato sí a aposta pola educación aberta, renovadora, creativa e inclusiva, e o desenvolvemento dunha igrexa que mire máis cara adiante e menos cara atrás. E é quizais neste último apartado onde as expectativas creadas non se ven confirmadas no texto. Pero como digo ao comezo, cando un está afeito a valorar mínimos

Nos tres primeiros soños, Francisco vainos mostrando as claves dunha Amazonía,“conxunto multinacional e interconectado” coa que todas as persoas estamos comprometidas desde a sobria sinodalidade responsable que non exclúe a ninguén e compromete á humanidade, chamando a valorar e coidar o que temos, poñéndoo ao servizo da xente máis empobrecida e silenciada. O cuarto capítulo  parece decepcionar a moias persoas por non recoller tres das afirmacións que superaran o visto e prace da aprobación por parte da Asemblea Sinodal: a ordenación de homes casados – viri probati-,de mulleres diaconisas e a de mulleres curas. Para moitas persoas o recurso a unha fundamentación teolóxica que pechaba esta posibilidade, lévaas a ver o documento desde a mirada de quen pensa que a Igrexa xa non pode dar máis de si.

Porén, sen negar que estas tres decisións rebaixan as expectativas do documento, coido que este é necesario lelo desde unha clave distinta. Unha clave de continuidade e futuro próximo, e non tanto de presente non falto de presión e tensión cara o papa e o seu maxisterio. Por iso invito a achegarse ao texto desde a proposta da creatividade de ser Pobo de Deus en camiño permanente de creación de novos ministerios laicais,, do recoñecemento real e concreto do papel da muller  na Igrexa, e da necesaria responsabilidade que a día de hoxe non ten en totalidade. E isto xa non ten volta atrás. Porque só desde a participación, sen deixarse vencer polo cortoplacismo e o medo aos grupos neoconservadores, que tanto barullo fan en forma de presión desde metodoloxías de postverdade, conseguirase seguir abrindo fendas, derrubando muros – por altos e firmes que sexan – e andando camiños novos ata hai ben pouco impensables na Igrexa.

A exhortación urxe a unha mellor formación, a unha maior participación, a un compromiso sobrio e evanxélico nunha igrexa onde a inculturación da fe na súa liturxia – non simples traducións a novos idiomas-, na súa teoloxía e no seu traballo sinodal, esixe concreción en procesos que se van desencadeando e non se esgotan nin nun espazo nin son para un tempo, senón para sempre.

Benvida a Querida Amazonía  a toda Igrexa universal neste proceso de cambio, compromiso e renovación onde as palabras van acompañadas de xestos liberadores na opción polas persoas empobrecidas no lugar teolóxico dunha terra que se ve ameazada por un neocapitalismo salvaxe, excluínte e deshumanizado, que pon o corazón nas ganancias e non nas persoas. Na loita contra esta intransixencia do sistema  ten que estar a Igrexa desde unha opción comprometida, sinodal, participativa, ecuménica e social. Nada nos é estraño, non podemos recuar.

Non é decepción, é alerta permanente para que non nos enredemos ao interno nas nosas discusións, namentres os de sempre, non fan outra cousa que silenciar e depredar. E non esquezamos que a hermenéutica inculturada, máis cedo que tarde, axudaranos a comprender que os cambios non van vir, senón que xa están aquí.

Clodomiro Ogando

Profesor de Teoloxía Moral, Instituto teolóxico Vigo

Facebook
Twitter
Email
WhatsApp